Abren expediente á xuíza de Verín polo feminicidio de Isabel Fuentes

violencia machista

O Consello Xeral do Poder Xudicial determinará no prazo de 6 meses se a titular actuou debidamente.

 

Segundo recolle o xornalista Sindo Martínez no xornal La Voz de Galicia o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) vén de abrir un expediente disciplinario contra a xuíza instrutora do caso de Isabel Fuentes cando esta se atopaba ingresada no hospital de Ourense por un presunto roubo con violencia na súa morada. 

A decisión do máximo órgao xudicial devén da solicitude rexistrada pola avogada da familia de Fuentes após ter sido esta asasinada polo seu marido nas mesmas instalacións do CHUOU o 8 de maio de 2015. Neste senso, o obxectivo da investigación incoada visa resolver se a actuación da xuíza titular do xulgado de Verín garantíu a debida protección de Isabel Fuentes perante as sospeitas amosadas pola Garda Civil de que o seu ingreso hospitalario non se correspondía cun roubo e si cun presunto caso de violencia machista. 

Beatriz Seijo, en declaracións recollidas polo diario coruñés, amosou a súa satisfacción "porque cremos que esta xuíza cometeu unha falta que consideramos moi grave ao non asumir a debida dilixencia de protexer a Isabel". Segundo a letrada o que aconteceu no CHUOU, o primeiro feminicidio oficial rexistrado na Galiza en 2015, foi "para alén dun posíbel erro da xuíza". 

Cumpre lembrar que o movemento feminista galego iniciou unha recollida de sinaturas encamiñadas a iniciar unha denuncia xudicial contra o Estado español pola desprotección de Isabel Fuentes, para alén dunha reclamación administrativa perante o Valedor do Pobo.