O movemento estudantil nacionalista únese

[Imaxe GzFoto]

Este sábado (5 de marzo) terá lugar a Asemblea Constituínte da nova organización estudantil nacionalista xurdida dun proceso que sumará Agir, Comités e a Liga estudantil galega. 

Libera, transforma e constrúe Galiza desde as aulas é o lema da Asemblea Constituínda da que será a nova organización estudantil galega. Trátase do resultado dunha suma de vontades e de axentes que, embora viren actuando de maneira conxunta desde hai dous anos, quixeron ir un paso alén e (re)constituír a unidade do movemento estudantil nacionalista na Galiza. 

Este sábado (5 de marzo) no Colexio Maior de Fonseca, en Compostela, xurdirá o resultado dun proceso que encetaron no verán Agir, Comités e Liga estudantil galega. Todas coincidían en que obterían "maior" e "mellor" resultado desenvolvendo unha "acción conxunta" e mesmo, recoñece Amanda Rei, dos Comités, "había estudantes que ficaban fóra do movemento estudantil organizado porque non sabían que facer". "Estabamos competindo entre nós sobre a base dos mesmos principios ideolóxicos" e cunha "praxe moi similar", engade Paulo Queiruga, da Liga estudantil galega

"Estabamos competindo entre nós sobre a base dos mesmos principios ideolóxicos"

Neste senso e após un proceso de debate e reflexión aberto, coñecido como Asembleas de Base, "as tres organizacións decidimos tirar para adiante", explica Xandre Pérez, de Agir, cun proxecto alicerzado en tres eixos centrais "unha organización nacional, anticapitalista e feminista". Non sen dificultade após palparse durante as asembleas de base que existían entre un sector do estudantado posicións "máis ambiguas" a respeito da necesidade, ou non, de contar cunha organización estudantil nacional. 

Porén, explica Xandre Pérez, de Agir, "se realmente acreditamos en que Galiza é unha nación e que precisa capacidade de decisión" o movemento estudantil tórnase nunha "chave". 

Para alén diso, incorporan ás teses que se someterán a debate "históricas reivindicacións do momento estudantil organizado", sinala Amanda Rei como acceso libre ao ensino superior, o carácter público da Universidade ou a defensa das axudas ao estudo. A redacción dos documentos desenvolveuse, sinalan, "nun prazo moi curto" mais incorporan propostas organizativas e tamén políticas, entre elas, sinalan, "na orde do día da asemblea hai un punto para que se comecen a definir liñas de acción". 

"O movemento estudantil é chave se realmente acreditamos en que Galiza é unha nación e precisa capacidade de decisión"

O tempo corre e perante a inestabilidade política que paira no Estado español, organizacións estudantís estatais convocaron unha folga de dous días o 13-14 de abril. 

Así as cousas, márcanse como un dos obxectivos centrais pular pola organización no ensino medio, un espazo de acción que achan "prioritario" xunto co "traballo de centro", explica Paulo Queiruga. Aliás, tamén visan --para alén da Universidade-- trazar unha ferramenta útil para o alumnado de Formación Profesional e Ensinanzas Artísticas que fican, habitualmente, afastadas da actuación do movemento estudantil. 

"Trátase dunha ferramenta que combata os ataques ao ensino público e as consecuencias de vivir nesta cárcere de pobos "

Nun contexto político e social como o que actualmente atinxe Galiza, subliñan, o movemento estudantil debe ser "vangarda" e "ir sempre pasos por diante" como reflicte o feito de teren sido quen de "deixar ao lado as siglas e iniciar unha reflexión conxunta sobre o que coidamos unha necesidade", apunta Amanda Rei.

"O movemento estudantil é un elemento chave para que se vexa que existe un proxecto claro, nacional, feminista e anticapitalista co que facer fronte ás políticas do Estado español e a UE", acrecenta Xandre Pérez. Pois, afirma Paulo Queiruga, "ou actuamos xa ou corremos o risco de que desapareza un movemento propio" que "combata os ataques ao ensino público" e reaxa "ás consecuencias de vivir nesta cárcere de pobos que é España".