A lei de medio ambiente que o desprotexe

A Lei de Patrimonio Natural impulsada pola Xunta entrou recentemente en tramitación parlamentaria. O Goberno fala de “protección”, mais ecoloxistas e forzas da oposición denuncian que a súa redacción actual coloca o urbanismo por riba da conservación da natureza. Eis un extracto da información publicada no semanario en papel Sermos Galiza número 354.

Os principios xerais do proxecto de Lei do Patrimonio Natural conforman o seu artigo segundo. O apartado f) dos mesmos é claro, directo, e asegura “a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística”. Esta afirmación, común á maior parte da lexislación ambiental europea, cadra coa mensaxe que o Goberno galego intentou transmitir o día en que a conselleira defendeu o texto no Parlamento de Galiza. Mais difire das alertas que, ao respecto, emiten organizacións ecoloxistas, e mais das valoracións das forzas da oposición. Tamén difire do que o propio documento di unhas páxinas máis adiante.

O artigo 50, dedicado aos efectos dos plans de ordenación de recursos naturais, recolle excepcións á mencionada prevalencia, agrupadas como “razóns imperiosas de interese público de primeira orde”. Estas deberán ser aprobadas polo Consello da Xunta tamén a proposición dos concellos. O movemento ambientalista percibe aquí unha porta aberta á discrecionalidade.

"Din que a lei garante a prevalencia”, sinala a Sermos Galiza Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), “pero non queda claro, porque estabelece salvedades en terreos adscritos a uns PXOM que na Galiza moitas veces non están adaptados á Lei do Solo”. González non só se refire ao plan de ordenación de recursos naturais, senón tamén a outras figuras de conservación do patrimonio natural como os plans reitores de uso e xestión ou os plans de conservación, “que poderán ser modificados a discreción polo Goberno galego e os concellos, atendendo a intereses alleos á conservación do patrimonio natural e pasando por riba das decisións do Parlamento galego”.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, expuxo na Cámara que a lei “virá substituír e actualizar a Lei de Conservación da Natureza aprobada hai 18 anos”. Esta realidade é o único aspecto positivo que o actvista detecta na nova formulación: “Inclúe as normativas europeas e estatais dos últimos anos, pero non supón ningunha contribución á materia”. E contén importantes zonas escuras.

“As zonas húmidas están practicamente esquecidas. Apenas recolle o inventario existente pero sen máis”, critica. No último século e medio desapareceron, segundo os datos da SGHN, a metade dos humidais da Galiza. “A nova lei non estabelece a actualización do inventario nin medidas adicionais de protección”, denuncia o comunicado “Escuro futuro da natureza no Parlamento galego”, subscrito por oito entidades e asociacións de defensa da natureza.

O proxecto normativo, que na súa fase previa de elaboración –encargada pola consellaría a unha empresa privada– desbotou a maioría do case milleiro de alegacións presentadas desde a sociedade civil organizada, incorpora o estraño requisito dunha superficie mínima para a declaración de parques naturais (vid. despece). Non cita o Observatorio Galego da Biodiversidade, creado polo Decreto 260/2007, nin o seu papel consultivo.

 

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]