O Movemento da Saúde Mental insta a Xunta a destinar recursos á prevención do suicidio

Acto 'Badaladas pola prevención do suicidio' decorrido o ano pasado en Compostela e que se volverá realizar este 10 de setembro. (Foto: Arxina)
O plan galego carece dun orzamento propio con carácter anual.

As 'Badaladas pola prevención do suicidio' soarán este domingo na praza de Pratarías de Compostela no acto organizado polo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) con motivo, precisamente, do Día Mundial para a Prevención do  Suicidio. 

Eis unha reivindicación, a da prevención, especialmente necesaria, sinala o Movemento Galego da Saúde Mental. Os datos do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) referentes a 2022 e publicados na segunda feira, 4 de setembro, así o indican: morreron no país 340 persoas por suicidio, o que supón 9 casos máis que en 2021 e 24 máis que en 2020. 

Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica e voceira do Movemento Galego de Saúde Mental, lamenta en declaracións a Nós Diario, que "cada vez adían máis o momento de facer e difundir o informe" que recolle os datos referentes aos suicidios na Galiza, impedindo con isto dispor da información necesaria e en tempo para elaborar os protocolos de prevención.

Neste sentido, Cerqueiro apunta ao Plan galego de prevención do suicidio, publicado en 2017 na procura de, como recolle o propio documento, "reducir a taxa de suicidio e estabelecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presenten un intento de suicidio e das súas familias". Un plan que, explica Cerqueiro, "foi impulsado grazas á presión cidadá" e que, malia que conseguiu certos avances, como a apertura dunha área de prevención de suicidio en cada área sanitaria, desde o Movemento Galego de Saúde Mental consideran que conta aínda con carencias. 

Un plan sen orzamento

Cerqueiro asegura que o principal problema deste plan é que "naceu coa eiva fundamental dunha falta de orzamento anual". Na actualidade, parte dos fondos do Plan galego de saúde mental 2020-2024 están destinados a satisfacer as necesidades do Plan de prevención do suicidio. Porén, Cerqueiro considera que o óptimo sería que estes dous recursos traballasen de forma independente para, con isto, "evitar caer na idea de que as persoas que se suicidan teñen un diagnóstico psiquiátrico ou un trastorno mental". 
A transparencia é fundamental para identificar factores de risco. Así, sábese que dentro do número de persoas que se suicidaron na Galiza en 2022, segundo os datos do Imelga publicados aínda esta semana, 235 persoas foron homes e 105 mulleres. 

Malia que esta resulta unha tendencia habitual, a idade é un dos factores que, co tempo, está invertendo a inclinación, preocupando o número de persoas mozas que cometen suicidio, con 22 casos de menores de 30 anos en 2022 (6,4% do total dos casos); aínda que o rango de idade máis frecuente é o comprendido entre os 41 e
os 60 anos (39,41%).

A pesar de que os datos como estes son necesarios para elaborar os plans de prevención, Rosa Cerqueiro avanza que "non son suficientes" e que sería preciso "coñecer as circunstancias e condicións que se poden relacionar cun maior risco de suicidio". 

Neste sentido, asegura tamén que é necesario "pensar na persoa que se suicida, nas que fixeron intentos e en toda a súa contorna", destacando que "por cada persoa que se suicida houbo vinte intentos".


Transparencia, prevención e signos de perigo

Arredor do suicidio existen aínda grandes mitos, como é o caso da percepción de que a persoa que se suicida non avisa, explica a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro. Cómpre permanecer atentos, xa que o estado emocional depresivo ou inquieto, o illamento, a verbalización da desesperanza, a sensación de ser unha carga ou as despedidas son indicadores de malestar. Actualmente, o teléfono de prevención do suicidio é o 024.