Saúde

O mosquito tigre segue a inzar na Galiza: primeiro exemplar detectado en Vilaboa

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario)
Vilaboa súmase a Moaña, Redondela, Vigo e Cangas.

A Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisíbeis por Vectores (ReGaViVec) vén de confirmar a detección dun exemplar de mosquito tigre nunha das trampas colocadas no concello de Vilaboa (comarca de Pontevedra). Segundo informou o Goberno galego, tras a aparición do mosquito tigre en Moaña, decidiron ampliar a vixilancia do vector aos concellos limítrofes, polo que no de Vilaboa dispoñen de cinco trampas. As restantes trampas deste municipio resultaron negativas ao mosquito tigre.

Agora estudarán a necesidade de ampliar a vixilancia coa colocación de novas trampas. Ademais, o Concello de Vilaboa, sumarase aos de Moaña, Vigo, Cangas e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre que, previsibelmente, se desenvolverá na primeira quincena de novembro.

Pola súa parte, a Consellaría de Sanidade agradeceu a participación veciñal para evitar a proliferación do insecto e lembrou que a maneira máis efectiva para previla é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas coa eliminación de puntos de augas estancada co simple baleirado ou coa renovación da auga cada catro ou cinco días.

Para evitar a picada do mosquito tigre, aliás, aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden encontrar nas listaxes de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado fechado ou colocar mosquiteiras en portas e xanelas.

O entomólogo investigador na Universidade de Vigo e validador en Mosquito Alert, Alejandro Polina González, sinalaba recentemente en declaracións a Nós Diario que o mosquito tigre, polo de agora, "está introducido na Galiza, mais non asentado".

"Aquí o clima é máis frío e suave, podería ser que a súa dispersión fose menor, pero é difícil polo de agora predicir como se vai desprazar, de feito é o que estamos a estudar desde a rede galega de vixilancia de vectores", precisaba o investigador.