Entrevista

Alejandro Polina González, entomólogo: "O mosquito tigre chegou á Galiza, mais non está asentado"

O entomólogo Alejandro polina González coloca unha trampa de luz para a captura de vectores con hábitos nocturnos. (Foto: Nós Diario).
Alejandro Polina González (Vigo, 1995) é entomólogo investigador na Universidade de Vigo e validador en Mosquito Alert, unha plataforma de ciencia cidadá creada para controlar os insectos transmisores de doenzas. Foi ademais, a ferramenta que puxo as autoridades na pista do mosquito tigre na Galiza.

—Débenos preocupar a chegada do mosquito tigre á Galiza?
Non debemos alarmarnos, mais temos que estar alerta. A súa presenza non é perigosa para nós, sobre todo na Galiza. O seu potencial máis daniño vai ligado á transmisión de doenzas, e para que iso suceda aquí, para que se dea unha transmisión endémica, ten que haber presenza do vector, que neste caso xa a hai, pero ten que haber tamén presenza do virus –a enfermidade ten que estar no medio– e dun organismo intermediario que porte esa doenza. E iso aquí non se dá porque o principal hospedador deste tipo de enfermidades son os primates, especialmente en África e Suramérica.

—De que enfermidades estariamos a falar?
De doenzas de orixe tropical como o dengue, o zika e o chikungunya. Podería darse o caso de que chegase aquí unha persoa infectada, pero non hai constancia de casos importados. 

Mais de habelos, para que se chegase a transmitir unha destas doenzas, esa persoa debería estar en fase de viremia, é dicir, que a enfermidade pasase ao torrente sanguíneo. Nese suposto podería chegar a infectar unha persoa, pero non máis. 

—O que máis nos pode chegar a molestar entón, hoxe, son as súas picaduras.
Si, iso é algo que acontece. As súas picadas son máis molestas e poden desencadear reaccións alérxicas máis severas que as que ocasiona o mosquito común en persoas que son sensíbeis ás súas picaduras, pero ninguén vai acabar na UCI por iso. 

—Que se sabe da poboación de mosquito tigre (Aedes albopictus) presente na Galiza?
Agora mesmo temos constancia de que está presente en catro concellos: Moaña, Vigo, Cangas e Redondela. Está introducido, mais non asentado. A evidencia científica que temos baséase no seu comportamento na conca mediterránea, polo que non sabemos ben como se vai comportar na zona norte.

Aquí o clima é máis frío e suave, podería ser que a súa dispersión fose menor, pero é difícil polo de agora predicir como se vai desprazar, de feito é o que estamos a estudar desde a rede galega de vixilancia de vectores.

—As condicións aquí son menos favorábeis, di, pero logrou introducirse. Por que?
Hai dous factores decisivos: o cambio climático e a globalización. Para min este é o elemento clave. A gran mobilidade de persoas e mercadorías favorece a chegada e asentamento de especies en territorios onde non se atopaban. É o caso do mosquito tigre, que non é un gran colonizador, incapaz de voar grandes distancias. O que fai é viaxar a través dos ovos, que pon, por exemplo, nun pneumático, un lugar enxoito que eventualmente se pode encher de auga. Tras soportar un gran período de seca, en contacto coa auga eclosionan. Outra posibilidade é que se desprace o insecto adulto. Se se coa nun vehículo, a diferenza do mosquito común, resiste ben a duración dunha viaxe.

—Unha vez dentro, a vixilancia e a prevención son determinantes.
Calquera persoa que atope un mosquito sospeitoso pode tirarlle unha foto e subilo á aplicación Mosquito Alert, foi así como detectamos o Aedes albopictus en Moaña, en agosto. Estamos a formar o persoal dos concellos afectados na colocación de trampas e a informar sobre as medidas preventivas máis eficaces, que pasan polo control mecánico de criadeiros. O mosquito tigre cría en medios de auga estanca, en lugares de volume pequeno e medio, polo que hai que procurar non deixar quietos máis de tres días baldes para a rega, pratos, baixantes e plásticos que poidan albergar auga.


Vixilancia doutras especies invasoras

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores opera na Galiza desde o ano 2017, impulsado pola Xunta da Galiza en colaboración coa USC e a UVigo. "Mais tamén cos concellos e a app Mosquito Alert, coa que comezamos a traballar este mesmo ano", explica Alejandro Polina González. Cando remata a campaña de mostraxe a rede analiza os resultados. "Vemos que atopamos e planificamos en función da situación actual das especies invasoras no resto dos territorios do Estado". 

Ante a presenza do Aedes japonicus na cornixa cantábrica, mais non na Galiza, –detectouse en Asturias en 2019– "reforzamos a vixilancia nesa zona fronteiriza, e de sempre en lugares de posíbel chegada de vectores: portos, aeroportos, estacións de servizo, polígonos industrias". Así, tras detectar o mosquito tigre no Morrazo "aumentamos o seguimento, colocamos trampas en concellos limítrofes e creouse un comité de rastrexo para determinar a súa área de distribución actual".