Morre unha bandada de 150 estorniños en pleno voo en Ferrol

Os estorniños quedaron sobre a rúa, ademais dos vehículos. (Foto: Europa Press)
As aves precipitáronse ao chan, contra vehículos e mesmo algunha persoa no barrio ferrolán de Caranza na mañá desta sexta feira. A investigación está aberta e as primeiras informacións apuntan ao contacto cunha liña de alta tensión.

As e os veciños do barrio ferrolán de Caranza continúan sorprendidos polo suceso acaecido esta mañá cando unha gran bandada de estorniños precipitouse cara o chan mentres voaba sobre a rúa do Alcalde Quintanilla Martínez. A priori non ocorrera nada que explicara esta morte masiva das aves, se ben as primeiras investigacións aluden a un posíbel choque cunha liña de alta tensión.

Segundo as autoridades, arredor de 150 exemplares do tamén coñecido como chirlomirlo morreron esta mañá en pleno voo, o que levou a que foran parar ao asfalto, algúns vehículos estacionados ou que circulaban pola zona e mesmo algunha persoa que ía camiñando.

O estraño suceso deuse arredor das 09 horas desta sexta feira na contorna do Hospital Juan Cardona, do grupo Ribera Salud.

A veciñanza alertou de inmediato á Policía Local de Ferrol, que se desprazou até a zona cunha patrulla, ademais dun técnico ambiental da Xunta e operarias expertas da empresa que realiza o servizo de control de aves para a Concellaría de Medio Ambiente da cidade. 

Estes últimos foron os que se encargaron de retirar os exemplares de estorniños pintos (' Sturnus vulgaris') mortos da vía pública.

Tamén se localizaron outros cinco paxaros vivos, pero que eran incapaces de retomar o voo, polo que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta situado no municipio de Oleiros.

En paralelo mantense aberta a investigación tanto por parte do Goberno local como da Xunta, pois cómpre aclarar o ocorrido.

Unha descarga polo fenómeno de arco eléctrico?

Fontes da Administración local explicaron a empresa de control de aves de Ferrol localizara o pasado xoves, día 25, unha pequena  bandada de estorniños, uns 30 exemplares, na zona da Universidade, aínda que nos demais espazos habituais para esta especie que están catalogados na urbe non se detectou presenza destas aves.

A zona onde apareceron estes exemplares mortos e feridos "non é un dormideiro catalogado previamente e antes non se recibiu ningún aviso da presenza de estorniños".

Aliás, fontes consultadas por Europa Press detallaron que a electrocución dunha bandada de paxaros adoita suceder cando voan moi preto uns doutros.

Desta maneira, se un paxaro toca cun á un cable de alta tensión pode producirse o fenómeno de arco eléctrico e este transmítese rapidamente ao resto da banda, co que a descarga pode ser mortal para o grupo.