Morre o mozo acoitelado no exterior dunha discoteca de Compostela nunha liorta e envían un dos detidos a prisión

Lugar no que se produciu o crime. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Dous homes encaráronse na vía pública con outros dous e emprenderon unha pelexa a navalladas que se saldou cun ferido moi grave, que finalmente morreu.

O mozo de 31 anos apuñalado durante unha liorta ocorrida á primeira hora do pasado día 2 en Santiago de Compostela faleceu esta cuarta feira, na mesma xornada na que a xuíza de garda enviou a prisión un dos detidos por este suceso.

O home permanecía ingresado na UCI do Hospital Clinico de Santiago en estado moi grave como consecuencia das coiteladas recibidas no decorrer da pelexa, na que tamén resultou ferido un dos agresores. Os feitos sucederon á primeira hora da mañá do día 2 de xaneiro na capital galega, á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile, cando se iniciou unha pelexa entre varias persoas.

Segundo puido determinar a investigación, dous homes encaráronse na vía pública con outros dous e emprenderon unha pelexa a navalladas que se saldou cun ferido moi grave, un home de 31 anos que, finalmente, non puido superar as lesións e faleceu. O mozo foi evacuado en ambulancia polo 061 até o Hospital Clínico, onde permaneceu ingresado en coidados intensivos.

Aliás, na pelexa tamén resultou ferido un dos agresores, que foi trasladado ao hospital polos axentes que acudiron á súa vivenda para detelo. Un segundo home tamén foi detido por esta liorta e permaneceu nos calabozos da Policía Nacional en Santiago.

Ingreso en prisión

Precisamente, esta cuarta feira pasou a disposición xudicial un dos detidos por este caso, que foi enviado a prisión pola maxistrada do xulgado de Instrución número 1 de Santiago, en funcións de garda.

En concreto, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, o home foi remitido a prisión comunicada e sen fianza por un delito de tentativa de homicidio/asasinato, aínda que o falecemento da vítima obrigará a cambiar esta cualificación a homicidio/asasinato.

No que atinxe ao outro arrestado, aínda permanece ingresado no hospital, polo que quedou en situación de 'liberdade policial' até que a súa situación clínica permita ao xulgado tomarlle declaración e resolver a súa situación procesual.