Unha multitudinaria pelexa con navallas en Compostela sáldase con varios feridos, dous deles moi graves

Lugar no que se produciu a pelexa. (Foto: Google Maps / Arquivo)
Os feitos sucederon contra as 7 horas da mañá desta segunda feira.

Varias persoas víronse implicadas á primeira hora da mañá desta segunda feira nunha multitudinaria pelexa na cidade de Santiago de Compostela, que se saldou cun balance de varios feridos por arma branca, dous deles graves.

En concreto, segundo a información trasladada polos servizos de emerxencias, o suceso ocorreu pouco despois das 7 horas da mañá desta segunda feira, á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile, na contorna dun local de lecer nocturno, La Grandota.

Descoñécese o número exacto de persoas que chegaron a participar desta disputa, malia que si se sabe que foron varias —algunhas fontes afirman que até unha vintena— e que, cando menos, catro resultaron feridas de diversa consideración por arma branca.

Varias persoas chamaron ao 112 sobre as 7 horas para pedir axuda sanitaria para os feridos. Desprazáronse até o lugar dúas ambulancias que atenderon dous homes, aínda que só trasladaron un, o máis grave, ao Hospital Clínico de Santiago. Trátase dun mozo de 31 anos.

O outro asistido, que non quixo ser trasladado, foi detido pouco despois por axentes policiais por esta pelexa. Dado que estaba lesionado de gravidade, trasladárono tamén ao hospital. Aliás, fontes próximas confirmaron que hai xa un segundo detido en relación a estes feitos.