Morre un home ao desprenderse parte dunha atracción nas festas de Matamá, en Vigo
Ía acompañado da súa muller, que saíu ilesa.
Un home morreu na madrugada deste sábado en Vigo ao desprenderse un dos brazos da atracción O Saltamontes, na que viaxaba acompañado da súa muller.
Aconteceu arredor das 2 horas no marco das festas da parroquia viguesa de Matamá. Ao soltarse o brazo da atracción, o home, duns 35 anos, quedou atrapado entre a cabina e o valado do enxeño mecánico e acabou falecendo debido ao impacto. A muller saíu despedida da atracción mais ficou ilesa.
Até o lugar desprazouse un operativo do Parque de Bombeiros de Teis —pois o de Coruxo, a pesar de estar máis perto, atópase fechado até as 22 horas deste sábado por falta de operativos—, así como servizos sanitarios, Policía Local e Policía española.
Suspensión das festas
O suceso causou gran conmoción entre a veciñanza presente no recinto feiral, e a Comisión de Festas decidiu no mesmo momento suspender toda a programación dos festexos parroquiais para a totalidade da fin de semana.
Cunha mensaxe nas súas redes sociais, Matamá en Festas anunciou a suspensión das festas debido “ao tráxico accidente sucedido” e trasladou o seu pésame á familia do home.
