Un home de 55 anos faleceu na tarde desta sexta feira na localidade de Pantón (Terra de Lemos), tras bater o turismo que conducía contra un camión. Un suceso do que informou a primeira hora deste sábado a central de emerxencias do 112-Galiza.
Segundo a información ofrecida até o momento polo persoal do 112, o accidente tivo lugar ás 18.30 horas desta sexta feira á altura do quilómetro 543 da estrada N-120, ao seu paso pola parroquia de Atán.
De inmediato, solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada. Ao mesmo tempo, o persoal sanitario comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Unha vez no punto, os bombeiros empregaron o seu material de excarceración para liberar o condutor do turismo, que quedara atrapado e cuxo falecemento foi finalmente confirmado polos servizos sanitarios. A colisión motivou que a estrada permanecese cortada mentres duraba o operativo.