XXV Feira do Queixo Arzúa-Ulloa

Monterroso, capital do queixo

Queixo Arzúa-Ulloa

Se hai un protagonista na gastronomía galega este domingo é, sen dúbida, o queixo Arzúa-Ulloa, cuxa feira tradicional ten lugar ao longo de todo o día en Monterroso.

Monterroso acolle este domingo a XXV Feira do Queixo Arzúa Ulloa, unha cita indispensábel para as persoas amantes dun dos produtos rei da comarca. O recinto feiral da Cúpula abeira a festa, que encetou ás 10h coa apertura das casetas.

Ás 12h terá lugar a actuación da banda de gaitas Falcatrueiros e ás 13h, Adrián Díaz, condutor do programa da TVG Larpeiros, dará lectura ao pregón. Ao rematar, será a entrega de premios do concurso de tapas que precedeu a feira. A música continuará ás 13.30h, co alumnado da Escola Municipal de Música.

A xornada da tarde comeza ás 16h cun obradoiro de cociña a cargo de Paloma, subcampioa do programa televisivo Master Chef Junior. Ás 18.30h María Varela amosará a súa cociña ao vivo ás persoas presentes na feira.

O día completarase coa actuación da orquestra charanga KM0, nos locais hostaleiros a partir das 18.30h, e concluirá coa verbena, a cargo da orquestra Cinema, a partir das 23.30h na rúa Benigno Vázquez.

Queixo Arzúa-Ulloa

O queixo amparado pola D.O. Arzúa-Ulloa elabórase con leite de vaca, natural e enteiro, cru ou pasteurizado, procedente das razas rubia galega, frisona, pardo-alpina e os seus cruzamentos. Trátase dun queixo de pasta branda, elaborado con leite cru ou pasteurizado, cun período de maduración mínimo de seis días, e con bordes redondeados. A súa codia, fina e elástica, é de cor amarela de media a escura, e lisa. A pasta é de cor uniforme, entre branca marfil e amarela pálida, e ten aspecto brillante, sen fendas.

Non contén costros, conservantes, inhibidores nin produtos medicamentosos que poidan incidir na elaboración, maduración e conservación do queixo.

A zona de produción tanto do leite como dos queixos comprende os concellos das comarcas de Arzúa, Melide, A Ulloa e Chantada, máis outros limítrofes de xeito que a área delimitada se sitúa no corazón de Galiza.