"O monte non se vende señor Feijóo, que se defende"

Máis de mil cincocentas persoas percorreron Compostela para exixir a fin das políticas da Xunta que só deparan para o rural galego incendios e despoboamento; e avogar por un modelo sustentábel social e económicamente para Galiza.

'Firejóo'. O xogo de palabras entre o apelido do presidente da Xunta e a verba inglesa 'Fire' (lume) foi o auto-colante que resumía o sentir de boa parte d@s manifestantes que percorreron Compostela secundando a convocatoria da asociación Monte Pindo. Unha mobilización na que se marchou contra unha política, a do goberno galego, “que non ofrece nada para o rural que non sexa incendios e despoboación”, en palabras d@s convocantes.

@s manifestantes percorreron Compostela con palabras de orde como “menos extinción e máis prevención”, “Monte Pindo, parque natural” ou “goberno solución, senón dimisión”, entre outras. A protesta estaba apoiada por máis de 80 entidades e colectivos e tiña como faixa principal “Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro”.

Outra política forestal é posíbel

Entre os participantes tamén estaban representantes das formacións políticas da oposición (BNG, AGE e PSdeG), que se mostraron moi críticos coas políticas forestais da Xunta. Ao igual que a entidade convocante, lamentan que Feijóo se parapete detrás dos pirómanos para intentar tapar o fracaso da súa política.

“Levamos 3 anos demandando ser parque natural. A Xunta fixo ouvidos xordos e advertimos que ía pasar o que pasou: o Monte Pindo quedou arrasado polos incendios”, sinalou Xerardo Caamaño, da Asociación Monte Pindo.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, indicou:"O problema de fondo dos incendios é o abandono do mundo rural. A maneira de acabar cos lumes é aplicar unha política agraria activa de longo alcance que poña en valor o noso monte e que free o abandono do mundo rural”, explicou Vence, quen inclúe nesa política “cambios na estrutura de propiedade da terra” co obxectivo de que “o medio rural sexa un medio de xeración de vida e de traballo”.

Rap e Himno

A manife finalizou na Praza da Quintana, con intervención bilingüe de rapeiro incluída e canto 'a capella' de Himno galego. Na lectura do manifesto, demandas e exixencias ao executivo para que non volva arder Galiza: “Que a Xunta tome dunha vez en serio o noso medio natural, emprestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural si ten futuro”.