Chaman a sementar hoxe en Compostela as bases dun país sen lumes e cun rural con futuro

A manifestación, convocada pola asociación Monte Pindo, exixe un cambio na "nefasta" política forestal e ambiental da Xunta e fai un chamamento a apostar polo desenvolvemento sustentábel do rural.

A catástrofe do Monte Pindo, con milleiros de hectáreas arrasadas polo lume, puxo en evidencia a unha Xunta que renunciara había tempo a ter algo que ofrecer ao rural que non fose cemento. A Asociación Monte Pindo lanzaba entón unha chamada a se manifestar contra os incendios e por un rural con futuro. Máis de 80 entidades e colectivos colleron esa testemuña e deron o seu apoio á mobilización que hoxe, 6 de outubro, percorrerá Compostela a partir das 12:00.

Os roganizadores denuncian que “a catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención do lume nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto e de paso estragou a Ría de Pontevedra, impedindo o desenvolvemento forestal e marisqueiro substentábel”.

Este tipo de políticas, afirman, causa “vítimas”: Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto...

Unha Xunta que se agocha detrás dos pirómanos

Para as entidades convocantes, “a Xunta parapétase agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital”.

No manifesto que se lerá ao final da manifestación hai seis peticións á Xunta. Que tome en serio os incendios e o medio rural e que aposte por outro modelo sustentábel económica e socialmente.