Os comuneiros critican que o PP manteña a intención de permitir "privatizar" montes veciñais

Reunión entre os comuneiros galegos e o grupo parlamentar do BNG. (Foto: Nós Diario)
Unha delegación da Organización Galega de Comunidades de Montes  Veciñais en Man Común mantivo unha serie de encontros durante a cuarta feira cos grupos parlamentarios da Cámara.

A Organización Galega de Comunidades de Montes  Veciñais en Man Común (ORGACCMM) criticou a negativa expresada polo grupo do Partido Popular (PP) no Parlamento galego a retirar a reforma lexislativa anunciada pola Xunta, que abre a porta a "privatizar" os montes veciñais.

Unha delegación da organización mantivo unha serie de encontros durante a cuarta feira cos grupos parlamentarios da Cámara, aos que trasladaron a súa preocupación pola nova lei aprobada polo Executivo galego a pasada semana, que sairá a consulta pública nas vindeiras datas.

A reforma actualizará un texto legal de 1989, e a Xunta xustificou esta modificación como un intento por combater o "abandono do rural e a  infrautilización dos terreos forestais". 

A organización traballa na recollida de firmas para unha Iniciativa Lexislativa Popular ( ILP) que pretende apoiar esta figura de propiedade e considera que a norma exposta pola Xunta persegue "privatizar os montes en man común para entregarllos a terceiros, ou dito de maneira máis clara, para roubarlle os montes veciñais aos comuneiros, que é o seu único e lexítimo titular".

Indignación dos comuneiros

O presidente da organización, Xosé Pereira, trasladou que, no encontro cos populares, o grupo parlamentar confirmou que non modificará a proposta  de reforma lexislativa "porque se trata dunha reforma impulsada polo Goberno galego e non polo propio PP".

Os comuneiros lembran que o seu  ILP foi anunciada tras unha concentración que tivo lugar ás portas do Parlamento galego en protesta polos cambios normativos incluídos na lei de acompañamento aos orzamentos que afectan os montes en man común.

"Ante isto, e aplicando uns mínimos principios democráticos, parecería lóxico que o PP retirase a súa proposta e esperase a que se iniciase a tramitación de lei de montes veciñais proposta na  ILP", resaltan os comuneiros, que agradecen o apoio manifestado polos grupos da oposición, BNG e PSdeG.

"Un monte funcional"

Após o encontro coa organización, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, defendeu a necesidade de impulsar na Galiza "un novo modelo de monte funcional", que sexa "respectuoso" co medio ambiente e que estea axustado ás características do territorio.

A dirixente da segunda formación do Parlamento galego expresou o seu apoio á  ILP en defensa dos montes veciñais, unha figura de propiedade que ve "fundamental" para adoptar un "cambio de modelo" na ordenación forestal.

Neste sentido, manifestou a súa oposición aos cambios normativos avanzados pola Xunta, que ve como "unha agresión" ao monte comunal porque está "destinada" a permitir a "privatización" destes espazos para profundar "nunha política de reforestación e  eucaliptización en Galicia".