Monte Alto homenaxea Moncho Valcarce, o cura das Encrobas

Homenaxe a Moncho Valcarce.
Un cento de persoas reuníronse no cemiterio de Santo Amaro (A Coruña) para renderlle tributo á memoria de Moncho Valcarce 27 anos despois da súa morte.

A memoria do cura das Encrobas, como foi coñecido Moncho Valcarce, volveu ser protagonista nun acto organizado polo grupo de barrio do BNG de Monte Alto con motivo do vixésimo sétimo aniversario do seu pasamento.

O tributo tivo lugar no cemiterio de Santo Amaro onde tomou a palbra a vieportavoz do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil. Moncho Valcarce foi “un galego de acción e de corazón. Un símbolo da Galiza viva e combativa”, recordou.

A homenaxe comezou coa lectura dun fragmento dun artigo escrito polo dirixente histórico das Comisións Labregas, Emilio López Pérez, Milucho, dedicado ao cura das Encrobas: “Os revolucionarios son humildes e serviciais. E viven e morren humildemente”.

O propio Milucho, precursor do sindicalismo nacionalista no campo, e a quen hoxe tamén recoñeceron no transcurso da terceira asemblea da Federación Rural Galega (Fruga), recibiu o carné das Comisións Labregas das mans de Valcarce.

A loita das Encrobas

“Moncho era un home popular. Crente. E sobre todo profundamente humanista. Do pobo e para o pobo. Cunha profunda conciencia de clase”, dixo Olalla Rodil, quen evocou un dos episodios máis valorados das mobilizacións sociais do país: a loita das Encrobas, onde Mocho Valcarce se uniu á veciñanza que lle fixo fronte a Fenosa, a empresa que quería facerse coas súas terras para a construción da mina de lignitos.

Valcarce é “un símbolo da loita labrega, do sindicalismo agrario, do nacionalismo galego e da propia Galiza”, concluíu Rodil.