As montañas galegas piden vivir "libres de eólicos"

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo. (Foto: Greenalia)

A Coordinadora "Eólica, Así Non" vén de convocar unha mobilización pública co gallo do Día Mundial das Montañas. A iniciativa ten un carácter reivindicativo fronte o boom eólico que está a padecer o país e decorrerá de forma simultánea en varias vilas e cidades o próximo 11 de decembro.

A medida que foron transcendendo os proxectos de parques eólicos en tramitación na Galiza ao longo do ano tamén xurdiron numerosos colectivos sociais nos que a veciñanza se agrupou para protestar por este asedio aos espazos naturais e ao rural.

Xa se viviron numerosas protestas de forma individual, xa fora en Cangas do Morrazo, en Monfero, en Laxe, en Aranga ou mesmo no Xurés, por enumerar só algúns exemplos.

Tamén Compostela foi punto de encontro para unha manifestación global o pasado mes de xullo, mais a enorme contestación social aínda non serviu para paralizar o groso das iniciativas empresariais e a Coordinadora “Eólica, Así Non” regresa ás rúas para loitar contra os muíños.

Como xa ten sinalado a organización, trátase de “facer fincapé na necesidade cada vez máis urxente de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado, até que non se derrogue o desfasado Plan sectorial eólico da Galiza e as Leis de depredación”.

Coincidindo co Día Mundial das Montañas, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de decembro, esta plataforma que conta co apoio de máis de 170 colectivos de toda Galiza, chama á cidadanía galega a participar para amosar a súa oposición “fronte á actual invasión eólica”.

A data, escollida “polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país”, será sinalada en máis de 20 localidades. Alí, haberá concentracións ás 12 horas baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica así non”.

A que protesta podería acudir?

A Lama. Haberá concentración e andaina.

Becerreá. A praza do Concello acollerá a mobilización.

Bembibre. Esta localidade de Val do Dubra rexistrará tanto concentración como manifestación.

Cerdedo. Neste caso a convocatoria de manifestación e concentración adiántase media hora, quedando fixada para as 11.30 horas.

Chantada. A cita será na praza da Galiza.

Coristanco. Haberá unha concentración diante da Casa Consistorial.

Foz. Repetirase a mobilización simultánea.

Laza. A concentración pasa ás 16 horas na praza da Picota.

Lugo. A xente está convocada diante do Edificio Multiusos da Xunta.

Mazaricos. Decorrerán tanto a concentración como a subida ao Monte Pindo, pero neste caso a partir das 10 horas.

Ferrol. Ás 11 horas haberá unha andaina para dar paso, a posteriori, á concentración.

Pontevedra. A concentración terá lugar na praza da Peregrina.

Castro Caldelas. Unha hora antes que na maioría das vilas, a localidade iniciará unha concentración acompañada de chocolatada.

Seoane do Courel. Seguirá a mesma dinámica que Castro Caldelas, tanto na hora como no ofrecemento de chocolate quente.

Vila de Cruces. A concentración será diante do Concello.

Antas de Ulla. Está prevista tamén unha andaina que comezará na praza Nova.

Carral. A cita será na Subestación das Travesas.

Meira. A concentración decorrerá xunto ao Consistorio.

Vilalba. A Casa da Cultura acollerá quer a concentración, quer un recital poético.

Gondomar. Programáronse unha ruta e a mobilización.

Marín. A veciñanza poderá participar na concentración, mais tamén na andaina.

Bueu. Ás 15.30 horas haberá un magosto reivindicativo. Xa ás 17 horas o Pub Aturuxo dará paso a unha mesa redonda sobre a problemática dos eólicos.