Na pista da montaña máis alta da Galiza

Pena Trevinca. (Foto: Turismo da Galiza).
No que a montañas se refire, talvez na Galiza a máis coñecida sexa Cabeza de Manzaneda, con 1.781 metros. Porén, non é por ser a máis alta do país xa que este posto é para outra montaña galega: Pena Trevinca.

Pena Trevinca ten uns 2127 metros de altura e atópase na Serra Segundeira, dividindo o seu terreo montañoso entre a provincia zamorana e a Galiza. Ademais de ser o pico máis alto na propia Galiza, tamén o é de Zamora xa que, os elementos físicos non entenden de fronteiras.

A pesar de que a comarca na que se atopa Pena Trevinca, Valdeorras, se atopa na Galiza máis montañosa, esta resiste o éxodo rural característico das aldeas galegas: a súa poboación total é de 25.328 persoas cunha idade media comprendida entre os 40 e os 50 anos. Isto débese, en gran parte, ao traballo proporcionado pola minaría.

Na comarca de Valdeorras concéntranse varios fitos de interese do país, alén de Pena Trevinca, pero tamén o río Sil. Con estes dous elementos, podemos facer unha descrición curta pero precisa da orografía da comarca. Co corte de norte a sur, o río Sil provoca que a paisaxe que se pode ver estea marcada polo río e polos vales, case verticais, causados polo relevo montañoso do macizo galaico-leonés.

Especies protexidas

A pesar de que no lado zamorano este pico estea protexido polos seus valores naturais como parque natural, no lado galego non é así. Non é que estea desprotexido, pero as figuras de protección empregadas semellan inservíbeis tendo en conta a forte actividade mineira que se segue a levar na montaña. As figuras utilizadas veñen dadas desde o eido europeo, en concreto son Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Zona de Especial Protección Para as Aves (ZEPA).

A aguia real, a charrela, anfibios como o sapo pinto, a salamántiga galega ou o lagarto das silvas así como invertebrados varios (vacaloura ou o cabaliño do demo) e mamíferos ameazados como a toupa de río, a londra, o morcego rateiro e de ferradura; son especies que se encontran no LIC que promoveron a súa declaración.

En canto á flora do lugar temos especies como a festuca elegante, o narciso asturiano ou a flor de San Xosé, as cais foron partícipes da declaración.

Minaría

Como xa indicamos antes, a pesar das figuras de protección implantadas para protexer os valores naturais que se atopan nesta área, as actividades extractivas non cesaron e de facto pretenden aumentar a súa superficie. Claramente isto ten uns impactos sobre o territorio e sobre a poboación que habita esta comarca.

Sobre a poboación, case todos pensaríamos que son positivos debido ao beneficio económico que xera, pero obviamos unha cousa. Cando pensamos en impactos acostumamos a facer unha relación directa cos desastres naturais de alto impacto, pero hai impactos continuos e menos perceptibles para o ser humano. Neste caso concreto, a minaría, crea unha gran cantidade de po en suspensión o cal entra no réxime da circulación atmosférica e é aspirado polos nosos pulmóns de xeito involuntario. Igual que pasa co po, tamén con calquera produto químico empregado para a obtención dos minerais ou rochas de interese.

Toda a serra de Pena Trevinca, non é so relevante polos seus valores en fauna e flora, senón que tamén é unha zona de gran interese xeolóxico

A meirande parte das veces nunca recaemos nun tipo de impacto moi común pero que se ten por pouco relevante: o impacto paisaxístico. A paisaxe forma parte do noso día a día, e tamén forma parte da nosa riqueza como nación e pobo. Durante séculos os movementos políticos nacionais, vinculan as imaxes que se dan sobre o territorio coa poboación que o habita, para lograr un sentimento de pertenza.

A reflexión aquí recae en que, se non permitimos que destruísen elementos como a Catedral de Santiago -claro impacto sobre a paisaxe urbana da cidade-, por que deixamos que suceda isto na montaña de Trevinca e en xeral nos espazos naturais?

Risco de extinción

Acabamos de falar daqueles impactos sobre as poboacións, agora analizaremos os que concirnen a un ámbito máis natural. Os máis evidentes son aqueles que afectan directamente a fauna e flora, as cais citamos antes e unha gran maioría está ameazadas ou en perigo de extinción. Polo tanto, a minaría causa un gran estrago ambiental, coa destrución tanto de hábitats como de nichos ecolóxicos das especies aquí ditas.

No segundo parágrafo mencionamos que os elementos físicos non entenden de fronteiras nin límites administrativos, e os animais e plantas tampouco. Se observamos o mapa dos espazos protexidos da Galiza, podemos ver que o trazado da zona de protección dos Ancares-Courel, ten unha liña divisoria no medio. Realmente é moi curioso xa que, os valores protexidos a ambas marxes desta liña están tamén nesta franxa, pero ten fácil explicación: aquí atópase a empresa mineira e o seu radio de expansión.

Valores naturais

Todos estes impactos descritos son moi relevantes, pero o que máis afecta o patrimonio xeolóxico é a minaría. Esta ten como principal recurso as rochas e os minerais que elas conteñen. A metodoloxía empregada polas empresas deste sector é ben coñecida, tanto se se trata dunha mina a ceo aberto ou subterránea. En ambas actividades, destrúense as zonas mediante cargas explosivas, desbaratando todo o que se encontra ao seu redor. Toda a serra de Pena Trevinca, non é so relevante polos seus valores en fauna e flora, senón que tamén é unha zona de gran interese xeolóxico.

Como ben vimos, esta zona destaca polos seus valores naturais. Polo tanto, é un lugar perfecto para aquelas persoas cun afán polas rutas de sendeirismo. A pesar de que algunhas rutas poidan ser un pouco máis exixentes, as vistas e paisaxes que observas durante toda a viaxe, merecen a pena.

Na súa contorna, podemos visitar outros picos con alturas similares como Pena Negra (2.123 m.), ou Pena Survia (2.122 m.), ademais de visitar montañas modeladas por glaciares, tamén podemos acercarnos hasta o Parque Natural Lago de Sanabria.