Medio Ambiente

Os monocultivos forestais ameazan a paisaxe do monte

Rosario Álvarez e Rebeca Blanco-Rotea durante a presentación do informe no CCG.
O informe Impacto no patrimonio natural e cultural dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), destaca o impacto transformador do eucalipto na paisaxe, no solo e no réxime hidrolóxico do territorio onde se asenta.

Os cultivos forestais de eucalipto e piñeiro ocupan hoxe na Galiza 53.000 hectáreas máis que hai unha década. Segundo recolle o CCG na publicación sectorial que deu a coñecer esta segunda feira, a segunda dunha serie de tres que iniciou cun traballo centrado na enerxía eólica e que fechará con outro dedicado ao turismo, as especies forestais de crecemento rápido gañaron presenza na Galiza a costa de masas de piñeiros ou mesturas de piñeiros, áreas non cubertas por arborado e zonas ocupadas antes por frondosas.

Durante dos anos, especialistas de diferente disciplinas coordinados pola profesora da Universidade do Minho (Braga, Portugal) Rebeca Blanco-Rotea, analizaron a cuestión forestal na Galiza, a petición, tamén de numerosos colectivos sociais e ambientais. Nas súas conclusións esta comisión experta asegura que as plantacións forestais con especies de crecemento rápido supuxeron a transformación dos elementos que constitúen a paisaxe galega, un cambio "marcado pola perda de biodiversidade e a uniformización" polo que estima urxente "fomentar medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats".

Blanco-Rotea compareceu na sede do CCG acompañada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, para destacar que a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe da Galiza.

Eucalipto e piñeiro

O problema é de maior magnitude na Galiza e en Portugal, advirte, que suman 1.480.000 hectáreas de eucalipto e piñeiro á altura de 2021 fronte ás 100.000 hectáreas que suman por xunto o resto de países europeos. En concreto, o informe remarca os efectos dos eucaliptos: introduce cambios no réxime hidrolóxico, dificultades na fertilidade do solo ou o risco de invasión de parcelas adxacentes, ademais da perda de bosques nativos como carballeiras ou bosques de ribeira.

Así figura no documento que xa se pode consultar en liña no portal web do CCG e que contempla unha serie de medidas para protexer a paisaxe da degradación á que se ve sometida pola expansión de plantacións de especies de crecemento rápido. Fronte a este monocultivo forestal o CCG propón cambios no ámbito normativo, no de xestión patrimonial e no relativo á paisaxe como recurso socioeconómico.

A paisaxe e a salvagarda do patrimonio que alberga –oficios, saberes, técnicas produtivas tradicionais, toponimia– deben operar como criterio chave para a ordenación do territorio, polo que solicita a obriga de que os montes conten con documentos de ordenación, se revisen as superficies mínimas de actuación que requiren avaliación de impacto ambiental e se reforce a transparencia.

 Ademais, insta as administracións a fuxir da "pasividade" que amosan á hora de aplicar a normativa vixente e a revisar o modelo produtivo do monte galego que "supón o 10% da superficie arborada do España, o 2,5% da UE e produce o 45% da madeira española e o 4,5% da europea".