Monforte de Lemos, único concello por enriba do nivel medio-baixo de restricións

Xente paseando por Cambados no mes de xullo, cando foi preciso cancelar parte da festa do viño. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

A decisión foi comunicada por fontes da Consellaría de Sanidade após a reunión dos seus representantes co Comité Clínico. No encontro de traballo acordouse que o resto dos municipios da Galiza estarán no chanzo máis baixo das limitacións.

A evolución dos contaxios á baixa -con menos de cen ao día- e a redución da presión hospitalaria pola Covid-19 marcaron o encontro desta terza feira entre representantes da Consellaría de Sanidade e as e os expertos do comité clínico que asesora sobre a situación epidemiolóxica da Galiza polo que ambas partes decidiron que a gran maioría dos concellos da Galiza estean no nivel mínimo das restricións.

No chanzo medio-alto de prohibicións permanerá só Monforte de Lemos, mentres que non haberá localidades en risco alto nin máximo.

No entanto, a gran maioría dos concellos da Galiza terán unhas limitacións máis baixas, como corresponde ao nivel medio-baixo.

Ademais, cómpre lembrar que estas novas consideracións estrarán en vigor na medianoite do sábado e o certo é que nesta cuarta feira a Xunta estrea o plan de acción na hostalaría que se leva negociando varias semanas. É probábel que mañá se comuniquen polo miúdo as cuestións que se trataron na reunión.

Cambios nos criterios que marcan a actividade na hostalaría

Será precisamente na mesma xornada na que os estabelecementos hostaleiros pasarán a estar en dous niveis diferentes de prohibicións e capacidades en función das medidas de seguridade contra a expansión do virus que asuma cada negocio. Así, deixarase atrás -polo menos de momento- o criterio de que a actividade vaia ligada á situación epidemiolóxica do concello.

Porén, segue a existir certa cautela no sector posto que esta terza feira transcendeu que o Tribunal Supremo avala o certificado Covid que a Xunta quixo estabelecer como ferramenta para controlar o acceso da cidadanía aos locais de lecer.

Antes o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tombara a iniciativa e haberá que agardar para saber se o Goberno galego recupera ese sistema que non estaría no novo plan.