Mobilidade

Monbus deixa en terra ducias de viaxeiras no Nadal: "Hai que ter carné do PP para poder viaxar en bus?"

Apeadeiro da estación de autobuses de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A empresa alega que a supresión de frecuencias nas festas é "habitual".

Os problemas no transporte público de pasaxeiras por estrada da Galiza non cesan, tampouco no Nadal. Ducias de viaxeiras e viaxeiros ficaron en terra en Noiteboa e no propio día de Nadal ante a incomparecencia dos autobuses que debían cubrir as rutas.

O secretario xeral do PSdeG na cidade de Compostela, Aitor Bouza, lanzou esta terza feira unha pregunta nas súas redes sociais: "Hai que ter carné do Partido Popular para poder viaxar en bus pola Galiza?". Bouza facíase así eco dos problemas denunciados por usuarias e usuarios do transporte público por estrada que os pasados 24 e 25 de decembro, Noiteboa e Nadal, ficaron "sen poder reencontrarse" coas súas familias

Segundo o socialista, o día 24 non pasaron os autobuses que unen Ferrol coa capital galega dos tramos horarios 15.40, 17.20 e 18.40, nin tampouco o fixeron os do horario de mañá do día de Nadal, unha ruta xestionada pola concesionaria Monbus. "Unha anécdota lamentábel e específica destas datas sinaladas, pero é o día a día das usuarias de autobuses", criticou Bouza. 

Ao igual que na liña Ferrol-Compostela –tamén operada por Monbus–, a que conecta Lugo coa capital sufriu ausencias notorias o día 25, deixando en terra as viaxeiras da frecuencia das 11 horas.

Desde Monbus asocian esta "ausencia" de autobuses en Noiteboa e Nadal, en parte, á supresión de servizos que "se fai historicamente e por contrato" en días sinalados e "por motivos de conciliación de condutores e condutoras". "É o habitual, pode ser que algún usuario ou usuaria se despistase cos horarios", explican a Nós Diario. Algo que confirman desde a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade: "Nas datas de Nadal adóitase autorizar, con carácter excepcional, a redución dalgún servizo de autobús concreto en determinadas conexións, tendo en conta as previsións dunha demanda moi reducida".

Con todo, a empresa concesionaria recoñece os problemas que denunciaron as persoas usuarias, concretamente os correspondentes ao servizo entre Ferrol e Compostela do 24 de decembro ás 17.15 horas, e ao servizo entre Compostela e Lugo o día 25 ás 11 horas. Nestes casos, tal e como trasladaron fontes da Consellaría a Nós Diario, Monbus "tivo un problema de asignación de servizos" asociado ao sistema informático que xestiona as rutas, polo que estas frecuencias foron prestadas por VTC (vehículos de transporte con condutor) "unha hora máis tarde".

Segundo puido saber este xornal, a Xunta da Galiza xa iniciou os correspondentes expedientes para sancionar a empresa Monbus polo incumprimento na prestación destes dous servizos. 

Balóns fóra

Ás críticas de Aitor Bouza sumouse o seu compañeiro de formación, o secretario xeral do PSdeG na Coruña e alcalde de Pontedeume (comarca de Eume), Bernardo Fernández, que instou Alfonso Rueda a adoptar medidas para dar solucións a unha problemática que asocia "á entrada en vigor do novo contrato" coa empresa Monbus e creada, segundo o rexedor socialista, pola Consellaría de Infraestrutura e Mobilidade. "Pola señora Ethel Vázquez, que o único que fai é botar balóns fóra", concluíu Bernardo Fernández.