A moeda 'Gallica Pax' véndese por 52.500 euros en poxa pública, máis do triplo do seu prezo de saída

"Mvnita Gallica Pax", moeda acuñada polos reis galegos a finais do século VI. (Foto: Jesús Vico)
Esta cuarta feira ten lugar no Hotel Palace de Madrid a venda en poxa pública da colección de moedas do gran numismático galego Antonio Orol Pernas, que inclúe 355 pezas, varias delas únicas, acuñadas entre o século I e o século XIX.

A poxa pública da colección de moedas de Antonio Orol Pernas continúa co lanzamento de máis de 300 lotes con prezos de saída que van desde os 20 até os 15.000 euros. É o caso dunha moeda considerada única, coñecida na bibliografía numismática desde o século XIX e que foi atopada, contan, en Castelo Branco (Portugal). Formou parte da colección portuguesa Pavia Pessoa e poxada por Sotheby’s en Nova York en 1993, cando pasou á formar parte da colección Orol. ë unha das adxudicacións máis destacada até o momento e chegou a superar o triplo do seu prezo de saída.

Trátase dunha moeda acuñada polos reis galegos a finais do século VI, que inclúe a inscrición "Mvnita Gallica Pax", "Moeda da paz na Galiza", que segundo sinalou o historiador alemán Wilhelm Reinhart na súa historia xeral do reino hispánico dos suevos fai referencia ao Reino da Galiza.  No caso de ser certa esta hipótese, que investigadores como o británico H.V Livermore cuestionan malia asociala ao monarca galego Miro, trataríase da primeira moeda onde aparece mencionada Galiza como entidade política.

A "Moeda da paz na Galiza", cuxo prezo de saída era de 15.000 euros adxudicouse finalmente por 52.500 euros. Canda a este lote único, finalizou xa a poxa doutras moedas singulares que alcanzaron prezos superiores aos 10.000 e aos 20.000 euros. Varias moedas ilustradas coas figuras dos reis visigodos Recaredo I –tres exemplares–, un antropónimo que na Galiza deu lugar a numerosos topónimos, venderonse por 24.000, 25.000 e 27.000 euros respectivamente, após duplicar o seu prezo de saída. Por 28.000 euros adxudicouse outra co nome de e Witerico. Unha máis co nome de Wamba, saíu por 14.000 e vendeuse por 27.000, e aínda outra, taméen de ouro, do rei Sisebuto, alcanzou os 28.000 euros.

Outras dúas pezas, atribuídas ao Reino Suevo, alcanzaron os 18.000 e os 13.500 euros. Actualmente coñécense algo máis de duascentas moedas “suevas”, na súa gran maioría de procedencia descoñecida, case todas elas de ouro, fóra de media ducia de silicuas que son as únicas nas que se menciona a un monarca suevo, Requiario (c. 448-456).

Segundo os historiadores, esta ausencia de datos explica que non exista consenso entre os autores acerca de que moedas poden ser atribuídas ou non aos suevos, especialmente nas series pseudo-imperiais. Porén, hai certezas e unanimidade en atribuír aos suevos a serie de tremises coñecida como "Latina Mvnita", na que se recoñeceron varios topónimos do noroeste peninsular, como Tude (Tui), Legio (León), Senabria (Poboa de Saabra), Bergidum (Cacabelos) etc. 

Colección Orol

Antonio Orol Pernas (1943-1991) foi a persoa de referencia da numismática galega do século XX. Autor dunha ampla bibliografía sobre o tema, entre a que destaca o seu traballo sobre as pezas acuñadas no reinado de Afonso VIII, atesourou ao longo da súa vida unha importante colección de moedas elaboradas na Galiza entre o século I e o século XIX. Agora este conxunto está á venda na casa de poxas madrileña de Jesús Vico, unha das empresas máis recoñecidas a nivel estatal e europeo do sector da numismática. 

Para Vivo, en declaracións a Nós Diario, a colección de Orol "é a mellor colección de moedas galegas existente na actualidade". A este respecto, destaca as "pezas da época romana, varias delas moi raras, algunhas do reino suevo, que son únicas, e pezas excepcionais da Idade Media". O conxunto tamén inclúe moedas acuñadas durante a Idade Moderna e Contemporánea, entre elas algunhas elaboradas na Casa da Moeda de Xubia, en Narón (comarca de Trasancos).