Xustiza

O moderador do debate electoral da CRTVG declara por un posíbel delito de acoso laboral

Alejandro López e Tania Lombao, no momento en que ían acceder ás dependencias xudiciais para declararen. Anteriormente, entrara, coa cabeza tapada, Xosé Pereira Fariña (na imaxe pequena, nunha foto de arquivo). Foto: Arxina.

A causa aberta por un posíbel caso de acoso laboral contra oito persoas que ocuparon ou ocupan responsabilidades directivas na CRTVG continuou esta cuarta feira no Xulgado de Instrución número 1 de  Compostela coa declaración de Alejandro López Carballeira, Tania Fernández Lombao e Xosé Pereira Fariña.

O subdirector dos Servizos Informativos da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Alejandro López Carballeira, foi o primeiro alto directivo da compañía en declarar esta cuarta feira como investigado diante da responsábel do Xulgado de Instrución número 1 de Compostela. Segundo puido coñecer Nós Diario por fontes dos investigados, López Carballeira reclamou á maxistrada que instrúe a causa ser a primeira persoa en prestar testemuño, sinalando que, como consecuencia da campaña electoral, acumula unha importante carga de traballo. Precisamente, López Carballeira é un dos xornalistas escollidos polo ente público para moderar o debate electoral entre os candidatos á Presidencia da Xunta da Galiza que decorrerá a vindeira segunda feira, día 5.

A xefa de Programas da Radio Galega (RG), Tania Fernández Lombao, foi outra das investigadas citadas a declarar na xornada desta cuart feira. A este respecto, a instrución recolle que en xaneiro de 2018, Fernández Lombao comunicoulle á querelante que debía reincorporarse como redactora ao Servizo de Informativos da emisora pública, explicando a compañía esta decisión “por motivos de reorganización”. Fernández Lombao desenvolve responsabilidades directivas na Radio Galega desde xuño de 2017, onde recalou tras seis anos como xornalista en Radio Lugo, unha canle de ámbito local asociada á SER.

O director de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira Fariña, é outro dos nomes propios da causa presunto acoso laboral que investiga o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela. Segundo se recolle no procedemento, Pereira Fariña xustificou a reorganización do servizo, que só lle afectou á querelante, pola necesidade de dispor dunha "voz feminina", nun departamento conformado por 24 redactoras e 12 redactores. A declaración de Pereira Fariña, que entrou en primeiro lugar nas dependencias xudiciais, a través da porta reservada para o persoal traballador dos Xulgados, coa cabeza cuberta, foi a última efectuada na sesión desta cuarta.

Novas declaracións

As seguintes declaracións están previstas para o 15 de febreiro, tres días antes das eleccións galegas. Nesa xornada, comparecerán no Xulgado de Instrución número 1 de Compostela a coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña Palencia; a xefa de Xestión de Persoas, Paula Veloso Pereira, e a directora de Recursos Humanos da compañía no momento en que sucederon os feitos, Susana Fernández Veiguela. Sete días máis tarde, o 22 de febreiro, prestará o seu testemuño o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o responsábel do Servizo de Prevención da compañía, Manuel Casas Macías.

Os oito cargos citados polo Xulgado de Instrución número 1 aparecen como querelados nunha demanda presentada por unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. Após unha paréntese de oito anos nos que traballou noutro medio público na Galiza, en 2012 reincorporouse á CRTVG como coordinadora de relacións comerciais cos concellos, aproveitando a súa experiencia profesional no medio anterior. Porén, á volta de 2018, foi trasladada a unha praza de redactora de informativos da Radio Galega.

O informe pericial presente no procedemento avanza que, unha vez presentada a demanda polo cambio de función, comeza unha estratexia de "acoso laboral" contra a querelada, baseada no "entorpecemento do progreso profesional, a intimidación encuberta, o bloqueo da comunicación e o desprestixio da traballadora", con "graves consecuencias para a súa integridade moral e psicolóxica". Ao tempo, a causa recolle diferentes "situacións de persecución" denunciadas pola empregada do ente público e promovidas, segundo esta, por diferentes directivos da empresa, entre elas ser “a única traballadora excluída, a única, da cobertura da xornada electoral na Radio Galega” nas eleccións locais e europeas de maio de 2019”.

Múltiples frontes xudiciais

A CRTVG enfronta múltiples frontes xudiciais. Ao procedemento por un posíbel caso de acoso laboral que se desenvolve no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela, súmanselle varias causas máis en diversas instancias xudiciais. Neste contexto, destaca unha demanda de conflito colectivo presentada pola CIG perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), en relación co nomeamento e a composición do persoal de alta dirección da compañía.

A acción xudicial do sindicato nacionalista ten a súa orixe nun auto do Tribunal Supremo (TS) de novembro de 2023, onde ratifica unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de abril de 2022, que condenaba a CRTVG a indemnizar un membro do equipo de alta dirección da compañía con 173.303 euros por despido improcedente e cuestionaba a contratación da maior parte dos membros da estrutura de alta dirección do ente público.

Fontes da sección sindical da CIG na CRTVG sinalan que atendendo ao plano orgánico de dependencia xerárquica directa da Dirección Xeral do ente público, de 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 31 estarían en fraude de lei. Nesta situación, atoparíanse directoras e directores de departamento e xefas e xefes de servizo, todos eles cargos de responsabilidade na estrutura do ente público, así como algunhas das persoas chamadas a declarar no procedemento por acoso do Xulgado de Instrución número 1 de Compostela.


A Dirección da CRTVG represaliou 'Nós Diario' por informar do caso

A noticia sobre a admisión a trámite da querela foi adiantada por Nós Diario o 9 de xuño de 2023. A publicación da información, na que figuraba o nome das persoas investigadas no marco das dilixencias previas, provocou a ameaza de interpor “as oportunas accións civís e penais” contra a Dirección de Nós Diario.Neste sentido, o 11 de xullo de 2023, sete das oito persoas investigadas remitiron un burofax á Dirección deste xornal onde solicitaban “a eliminación dos datos de carácter persoal” e a “desindexación das noticias polos motores de procura de internet” e advertían con “acudir á Axencia de Protección de Datos para informar das devanditas actuacións”.

A publicación desta noticia veu seguida da exclusión de Nós Diario da revista de prensa da Radio Galega, malia tratarse do único diario en papel en galego. Así mesmo, a directora, María Obelleiro, foi eliminada dos faladoiros da emisora pública, onde participaba como colaboradora cunha periodicidade semanal desde o mes de abril do ano 2022. Concretamente, a saída de Obelleiro do ente efectivizouse no marco dunha reorganización formalizada o 26 de xuño, en plena campaña das elección estatais, período onde desapareceron da emisora algunhas das voces máis críticas co PP. Porén, a diferenza do resto de persoas que foron recuperadas para a Radio Galega após ese período, a directora de Nós Diario non volveu ser convidada aos faladoiros. Fontes próximas á Dirección aseguran que ambas as decisións foron unha represalia por publicar a citada información.