Modepén denuncia a situación actual dos servizos sociais a maiores e dependentes

Residencia A Nosa Señora da Esperanza, xestionada en Ourense pola Fundación San Rosendo (Imaxe: CRTVG)
O Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepén) censura o modelo de xestión das residencias de maiores na Galiza e o risco extra aparellado de contaxiarse ou mesmo de morrer a causa da COVID-19 en centros privados .

O Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos denuncia as deficiencias dos servizos sociais dirixidos a persoas maiores e dependentes na Galiza. A prestación que se ofrece a través dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), en residencias ou centros de día, sinalan, caracterízanse por “ser escasos, estar enormemente privatizados, ter unha calidade moi mellorábel e unha prezos abusivos, ademais de caros”.

Segundo os datos recollidos polo colectivo, na Galiza 3.407 prazas de titularidade e xestión públicas en residencias de maiores fronte a 18.215 de xestión privada, tanto de titularidade pública como privada, con e sen ánimo de lucro.

Así, critican a privatización dalgúns dos principais servizos sociais tanto na Galiza como no resto do Estado. É o caso da sanidade, apuntan, con 23,9% das camas hospitalarias en centros privados (33,2% en España), e tamén da atención á dependencia, con 78,7% de prazas en residencias privadas (72,9 no resto dos territorios).

Morrer por COVID-19 nunha residencia privada

Con estes datos, Modepén busca poñer en evidencia as eivas do modelo de coidados actual, a raíz da crise sanitaria provocada pola expansión do novo coronavirus. Neste sentido, o colectivo asegura que a probabilidade de presentar infección polo SARS-CoV-2 nas residencias de xestión pribada foi até o 19 de abril 2,58 veces maior que nos centros de xestión pública, mentres que a probabilidade de morrer por COVID-19 nunha residencia privada foi de 5,73 veces máis que nas públicas.

Segundo os seus datos, nos centros de xestión pública detectáronse 60 casos positivos por coronavirus fronte os 827 rexistrados nas residencias privadas, e confirmáronse tres mortes fronte a 92.

“Consideramos que a correcta atención aos maiores e dependentes é un dereito cidadán, similar ao o dereito ao ensino, á sanidade ou ás pensións públicas; un dereito que a Administración ten a obriga de garantir. Uns verdadeiros servizos públicos de dependencia, deben constituír o cuarto piar do Estado de Benestar”, asegura Modepén nun comunicado.

Lei de dependencia

O Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos defende a derrogación da actual Lei de dependencia, xa que “é unha norma neoliberal que debe ser substituída por outra que priorice os intereses da maioría da poboación”.

“Defendemos a creación dun verdadeiro Sistema de Servizos Sociais Públicos dirixidos aos maiores e dependentes, de financiamento, titularidade, xestión, e provisión plenamente públicas”, conclúe Modepén.