María Xosé Abuín, responsábel de CIG-Saúde

“O modelo de saúde da muller na Atención Primaria limítase á reprodución”

Matrona (EFE Saúde)

CIG-Saúde reclama unha actualización do réxime xurídico e retributivo das matronas galegas na Atención Primaria, ademais da revisión da súa Carteira de Servizos. “A atención á muller debe estenderse desde a adolescencia até máis alá da menopausa”, reclama a súa voceira.

O réxime xurídico actual das matronas, unha especialidade da Enfermaría presente nos servizos de Atención Primaria, provén dun Decreto, o de ordenación desa área, aprobado en 1993. A normativa estabeleceu daquela que o Consello da Xunta debía regular ese réxime e, polo tanto, a retribución destas profesionais. Mais 26 anos despois a Consellaría de Sanidade non ten achegado ningunha proposta ao respecto.

María Xosé Abuín, responsábel de CIG-Saúde, denuncia que a inacción do Goberno galego supón unha discriminación para o colectivo das matronas. O seu sistema retributivo, por exemplo, está baseado nun mapa sanitario de 1989. “Cando a poboación que tiñan os concellos non ten que ver coa que teñen hoxe; municipios como Ames, Brión ou os da área metropolitana da Coruña mudaron moito”, afirma Abuín.

A maiores, o sistema actual non contempla complementos retributivos para as matronas que si reciben outros profesionais da Atención Primaria. “As enfermeiras que traballan en catro, cinco concellos á vez, non cobran prestacións como a dispersión ou o illamento”, explica a responsábel de CIG-Saúde. A lexislación tampouco estabelece a relación de mulleres que pode atender cada matrona.

Por outra banda, o material co que contan as matronas para realizar o seu traballo está anticuado e desfasado. “Algunhas das padiolas  de exploración son tan arcaicas que parecen de museo, dificultando enormemente o traballo a realizar nas exploracións ás mulleres”, destaca a voceira do sindicato.

Máis alá do parto

O decreto do 93 asimilaba os servizos prestados polas matronas á atención das mulleres ao longo da xestación. Para Abuín, dentro dos debates sobre o réxime xurídico, débese incluír unha actualización e ampliación da carteira de servizos das matronas. “A atención á muller é un concepto moito máis amplo das citoloxías que se fan cada tres ano ou do control do parto. Débese estender desde a adolescencia até máis alá da menopausa, atendendo a todo o que ten que ver coa sexualidade, a reprodución ou os métodos anticonceptivos”, defende Abuín.

A atención ten ver que voa sexualidade, a reprodución ou os métodos anticonceptivos, defende Abuín

Para a responsábel da CIG-Ensino, “as mulleres seguen recibindo atencións en base a modelos patriarcais e desfasados nos o que a súa saúde da muller limítase á reprodución”. Ademais sinala que as labores das matronas tamén se estenden aos homes, que acoden ás consultas “para resolver cuestións relativas á sexualidade ou aos métodos anticonceptivos”.

“A Atención Primaria é o primeiro paso das persoas no contacto coa súa saúde, nun ámbito de proximidade, por iso é tan importante desenvolver as labores das matronas”, conclúe Abuín.