Matronas e auxiliares do Cunqueiro advirten dos perigos da falta de persoal

[Imaxe Efesalud]

"Calquera día vai acontecer algo moi grave", aseguraron en comparecencia de imprensa. 

 

As deficiencias no novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueira, non cesan ao igual que acontece coas denuncias por parte dos colectivos profesionais. A última a decorrida esta terza feira por parte das matronas e auxiliares de xinecoloxía. 

Nunha comparecencia de imprensa convocada no Colexio de Enfermaría alertaron da "grave situación" que as atinxe e que fai que "teñamos medo de ver o que nos imos atopar ao chegar traballar", aseguran. Nomeadamente pola escaseza de persoal para facer fronte aos perto de 3.900 partos que atenden no complexo hospitalario. 

E é que, na actualidade, o CHUVI conta só con 4 matronas en planta e 1 en Urxencias asumindo unha sobre carga de traballo que "repercute directamente na atención prestada ás xestantes e as súas futuras crianzas", afirman. Aliás, sinalan que desde a abertura do Álvaro Cunqueira viron aumentadas as súas funcións mesmo polo incremento das "inducións ao parto" que pasaron do "24% ao 40%". 

O número de partos inducidos pasou do 24% ao 40% no CHUVI

Desde o colectivo profesional aseguran atoparse "con moita frecuencia" en situacións que implican risco como a imposibilidade, por falta de persoal, para facer seguimento continuado da frecuencia cardíaca fetal. "Ao non haber tantas matronas como auxiliares" estas fican "soas" cando se producen máis dun parto, véndose na obriga, din, de que sexan as persoas que acompañan as mulleres as que axuden no proceso. 

Esta situación está a impedir, asemade, o desenvolvemento da Guía de Atención a un Parto Normal aprobada polo Ministerio de Sanidade na que se especifica que cada muller parideira contará cunha matrona adicada ao cento por cento á fin de lle prestaren unha atención individualizada que diminúa a probabilidade dun parto instrumental en favor de partos vaxinais. "A maior parte das veces unha matrona leva ao seu cargo, como mínimo dúas mulleres", aseguran, unha cifra que pode chegar "até catro nas peores situacións", alertan. "Calquera día vai acontecer algo moi grave", advirten.