O modelo residencial da Xunta fica en cuestión

Xuntanza de Antón Acevedo e Fernando González cos directores das residencias de maiores e de persoas con discapacidade. (Foto: Xunta da Galiza)
Asociacións de usuarios urxen un cambio na xestión dos centros de maiores

Os directores xerais de Atención Integral Sociosanitaria e Maiores e Persoas con Discapacidade, Antón Acevedo e Fernando González, mantiveron, esta segunda feira, unha xuntanza cos directores das residencias de maiores e de persoas con discapacidade de titularidade pública co obxecto de explicar o novo modelo asistencial destes centros.

Acevedo sinalou na reunión que "é necesario entrar nunha nova fase logo de pasar a máis aguda", cos usuarios e persoal de residencias vacinados.

Aproveitou o encontro para significar a creación dun comité de expertos desde a Consellaría de Política Social, formado por diferentes sectores ligados ás residencias, co obxectivo de “atender as novas necesidades xeradas a raíz da covid-19 e mellorar os servizos residenciais de Galicia para a era post covid”.

‘A opacidade do comité asesor’ 

Os colectivos de familiares de usuarios das residencias colleron con prevención as propostas achegadas desde a administración e cuestionaron o labor do comité. A este respecto, o voceiro da asociación Rede, Paulino Campos, en declaracións a Nós Diario, sinalou que “é unha comisión feita por tramposos, unha comisión que responde aos trucos coñecidos da administración Feixoo, en canto non é transparente, onde unha porcentaxe significativa ten que ver coa patronal e cos intereses das operadoras como DomusVi”. Pola súa banda, o responsábel de Vellez Digna, Xosé Bernárdez denunciou a este medio que “a opacidade do comité asesor, do que descoñecemos a súa composición” e solicitou “un acto de presentación do modelo ás asociacións de familiares”.

Bernárdez afirmou que o comité “está traballando, até onde nos sabemos, en diferentes documentos pero non teñen unha proposta fechada”. Así, na súa opinión,  “non é un modelo novo o que se propón senón o mesmo modelo privatizador vixente até hoxe, de feito a Xunta xa anunciou que as sete residencias das cidades promovidas pola Fundación Amancio Ortega van ser de xestión privada”. “O novo modelo debería pasar por un sistema residencial de carácter público, porque non podemos deixar o benestar dos nosos maiores en mans de quen conseguen beneficios en base en aforrar nos seus coidados”, concluíu Bernárdez.  

Campos defendeu un sistema diametralmente diferente ao formulado polo Goberno galego. Neste sentido, reclamou “un aumento dos cadros de persoal dos centros de maiores que estableza un cociente mínimo dun posto de xerocultor para cada catro persoas na quenda de mañá e no de tarde e un xerocultor por cada 10 residentes na quenda de noite”. Ao tempo, demandou “ dispor dun servizo médico e de enfermería 24 horas ao día, posto que moitos usuarios son persoas con alta morbilidade e que sofren diversas patoloxías crónicas que os fan altamente vulnerábeis”. 

O dirixente de Rede urxiu un modelo que “supere o hostaleiro imperante” e apostou por un “vinculado aos dereitos, que teña en conta as súas necesidades particulares e colectivas, e que garanta e respecte os seus desexos na atención e a vida cotiá”. Así, defendeu que “as residencias non deben superar as 60 prazas, con  habitacións individuais  para procurar o respecto á intimidade e a mellora das súas condicións de vida, ofrecéndolles un espazo vital propio, á vez que facilite un adecuado illamento, de forma que se poida minimizar o risco de contaxios entre os residentes”.