Un modelo matemático para equilibrar os contaxios da Covid e o desconfinamento

Dous dos investigadoras, Alejandro Carballosa e Alberto Pérez Muñuzuria. (Foto: USC)
O persoal investigador da USC e UVigo desenvolveu un novo modelo matemático co que avaliar como manter o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio e a necesidade de reabrir as economías. 

Persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo) logrou desenvolver un novo modelo matemático co que avaliar como manter o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio e a necesidade de reabrir as economías. Este avance está no marco do proxecto de investigación “Predico” (Predición dinámica de escenarios de afectación por Covid a curto e medio prazo).

Con base no estudo da evolución da pandemia no país veciño, as científicas, xunto co equipo do proxecto homólogo que se está a executar en Portugal, desenvolveron un novo modelo matemático co que levar a cabo un “control eficaz da pandemia”. 

O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira vaga en Portugal, no cal concorreron circunstancias de homoxeneidade –a nivel comportamento da poboación, sen fragmentación territorial e de regulamentacións– e illamento de fluxos de visitantes exteriores. “Estas características, sumadas ao seu relativamente gran tamaño de poboación, fixeron dese país un bo exemplo a analizar”, explican os e as investigadoras. 

As autoras propuxeron un modelo matemático que axustaron a curva portuguesa de infectados, con parámetros corrixidos en relación á análise da rede social Twitter do país, para detectar mudanzas na opinión pública ao longo do tempo.

A continuación, aplicaron a teoría matemática do control óptimo –ferramenta para deseñar estratexias de control e actuar de maneira óptima nun sistema dado–, coa que determinaron “estratexias que maximicen o número de persoas que poidan retornar á vida normal, minimizando ao mesmo tempo o número de infectados activos, con custos económicos mínimos e garantindo un baixo nivel de hospitalizacións”, explican.

Deste modo, lógrase determinar a intensidade e duración dos períodos de desconfinamento que “permiten manter o número de infectados activos, e consecuentemente de hospitalizacións, por debaixo dun nivel considerado seguro para o sistema nacional de saúde”, engaden.

Este avance está recollido no artigo "Optimal control of the Covid-19 pandemic: controlled sanitary deconfinement in Portugal", publicado na prestixiosa revista Scientific Reports.