A UE reafírmase no compromiso de 70% da poboación inoculada a finais de verán

A Comisión Europea recoñece que "subestimou" a capacidade de produción das farmacéuticas.
EuropaPress_3555719_handout_10_february_2021_belgium_brussels_european_commission_president
photo_camera Ursula von der Leyen chegando hoxe á Eurocámara, en Bruxelas (Foto: Etienne Ansotte / dpa)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asumiu esta cuarta feira algúns "erros" na xestión da compra conxunta de vacinas para a UE, como "subestimar" a dificultade da produción da industria, mais insistiu en que a estratexia deseñada desde os seus servizos foi a "correcta" porque asegura un reparto xusto e equilibrado entre os 27 Estados membros.

"É un feito que aínda non estamos onde queremos estar na loita contra o virus. Chegamos tarde á autorización. Fomos demasiado optimistas sobre a produción en masa", concedeu Von der Leyen nun debate ante o pleno do Parlamento Europeo para render contas publicamente tras as duras críticas recibidas polo fracaso na entrega en tempo das doses negociadas con AstraZeneca

Non obstante, a xefa do Executivo comunitario mostrouse "convencida" de que a estratexia de negociar de forma conxunta a compra de vacinas foi "a correcta" e evitou unha carreira entre Estados polo fármaco. 

"Non o quero nin imaxinar [...]. Tería sido unha insensatez, o final da nosa comunidade", manifestou a política alemá.

Von der Leyen tamén dixo que haberá unha "nova rede de ensaios clínicos" para axudar a axilizar o intercambio de información coa Axencia Europea do Medicamento e un novo marco lexislativo que lle permita examinar as novas vacinas "tan axiña como sexa posíbel".

Pese a asumir que os procesos de autorización levaron máis tempo que noutros países, Von der Leyen defendeu o sistema como o máis garantista para asegurar que as vacinas postas no mercado son "seguras e eficaces", algo fundamental para afianzar a credibilidade das campañas no conxunto da UE.

Ademais, mostrouse convencida de que, malia os atrasos, polo menos 70% da poboación adulta do territorio comunitario estará vacinada como moi tarde a finais de verán. Neste contexto, Von der Leyen subliñou que nesta pandemia "a ciencia vai máis rápido que a industria", o que permitiu obter vacinas eficaces en apenas dez meses cando o proceso habitual leva unha década, mais provocou tamén que as plantas dos laboratorios non tivesen a capacidade necesaria para responder á demanda de maneira inmediata.

Sputnik V en Hungría

Por outra banda, o Goberno húngaro comunicou que esta mesma semana podería comezar a inocular a súa poboación coa vacina rusa, Sputnik V. Hungría é o único Estado da UE que autorizou o seu uso, así como tamén o da elaborada pola empresa chinesa Sinopharm.

Comentarios