As 'modas' de certos visitantes á praia das Catedrais ameazan a súa conservación

Turistas amorean pedras na praia das Catedrais, en Ribadeo. (Foto: @tocamates)
Regresa a este espazo natural do concello de Ribadeo o costume de amorear pedras creando figuras. O Goberno local xa puxo en coñecemento da Xunta que moitas persoas están a realizar esta práctica prohibida.

Levantar fitos con cantos rodados na praia das Catedrais é a nova moda dalgunhas e dalgúns visitantes a este espazo natural situado en Ribadeo. Nunha tempada de verán na que as baixadas á area están controladas pola cita previa -xa se puxera en marcha antes da pandemia-, pouco está a importar volver a prácticas que poñen en risco a conservación dun dos lugares naturais máis destacados da Galiza.

A aparición das torres de pedra foi denunciada por algúns particulares pero tivo especial alcance a mensaxe de José Angel (@tocamates) en Twitter, que se preguntaba o por que de levar a cabo estas prácticas. Vista a atención que se lle prestou, mesmo pediu á xente que non mova "nin pedras nin plantas nin nada na natureza". E a súa advertencia rematou por chegar ao Goberno local de Ribadeo.

Após ter coñecemento da edificación como novo divertimento nas Catedrais, o alcalde, Fernando Suárez, remitiu unha misiva ao Servizo de Conservación da Natureza dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Volver a concienciar

"Esta pasada fin de semana tivemos constancia de que unha problemática que críamos desaparecida nas nosas praias volvíase a dar", destacou o rexedor ao falar das Catedrais. "Volvemos a detectar que visitantes deste espazo natural protexido, cuxo acceso está a ser controlado pola Xunta nesta tempada estival, realizan figuras mediante o amoreamento de pedras existentes no lugar", engadiu.

Neste sentido, Suárez subliñou que foi unha moda que tivo certo éxito hai uns anos até que se lle puxo fin pero "polo que parece, de novo é necesario tomar medidas".

"Entendendo que estas circunstancias correspóndense en maior medida coas competencias do seu servizo, desde o concello pedirémoslles aos socorristas que na medida do posíbel trasladen aos usuarios deste espazo a prohibición de seguir con esta práctica", avanza ás responsábeis de Conservación. En todo caso, como non é o cometido principal destes profesionais, o alcalde invita á Xunta da Galiza a actuar en consecuencia.

"Solicítaselles que tomen as medidas que consideren necesarias para corrixir esta problemática, a través dos seus axentes medioambientais, carteis, información do persoal regulador do acceso á praia, etc", finaliza na carta.

Fauna e flora

Malia que este tipo de prácticas cos cantos poidan semellar inofensivas, ao longo dos últimos anos distintas expertas na materia teñen advertido do dano que, o que parece un xogo, causa nos espazos naturais. Sen ir máis lonxe, mover as pedras pode significar destruír un hábitat, dificultar o crecemento de determinada flora ou entorpecer o tránsito da fauna por un lugar concreto.

Por iso tamén nas redes sociais pídese responsabilidade a aquelas persoas que acudan ás Catedrais ou a calquera outra praia. Porén, hai que ter en conta que espazos coma o de Ribadeo están protexidos e o número de accesos está regulado precisamente para evitar o deterioro da paisaxe que forneceu o traballo do mar.