Mobilizacións nos 7 campus contra o proxecto de universidade privada: “Sería nefasta”

Imaxe da concentración ante o reitorado da USC (Foto: Arxina)

A Plataforma en defensa da universidade pública incide en que supón un "ataque á igualdade de oportunidades" e que "a educación non debe converterse nunca nun negocio".

A Plataforma  galega en defensa da  universidade pública concentrouse esta cuarta feira nos sete campus universitarios da Galiza para mostrar o rexeitamento ao "ataque contra a igualdade de oportunidades" que supón a creación dunha universidade privada.

A mobilización desenvolveuse nos sete campus universitarios: Lugo, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela. Na capital galega, ademais, está previsto que o vindeiro 12 de xuño haxa unha manifestación nacional con saída ás 12 horas desde a Alameda.

Cunha faixa co lema En defensa da  universidade pública, contra a  privatización, ao redor dun cento de persoas entoaron na  Universidade de Vigo consignas como "non, non, non á privatización", "Feiixoo, escoita, a universidade está en loita", "a Xunta de Galiza recorta e privatiza" e "o ensino na rúa, a loita continúa".

Na lectura do seu manifesto, a Plataforma comunicou que "aceptar a universidade privada é aceptar a venda de títulos", o que representa "un castigo ao ensino público".

Nesa liña, remarcou que o que Galiza precisa é "unha universidade pública e de calidade apoiada pola administración e a sociedade".

"A educación non debe converterse nunca nun negocio", incidiu a Plataforma, tras o que lamentou que "a oferta de titulacións sobre a que se sustenta (a creación da universidade privada) vai en contradición e non complementa". "Só busca o lucro e beneficio da universidade privada", o que "sería nefasto para o sistema universitario galego", resolveu.

“Desigualdade”

O responsábel de universidades da CIG- Ensino en Vigo, Xosé Manuel  Adanes, criticou que a Xunta primeiro "regalase" as caixas de aforros "a este empresario" e "agora tamén as universidades, para competir en desigualdade de condicións coa pública". "Unha alfombra vermella para que se instale a clase privilexiada", reprobou.

En declaracións aos medios, o secretario xeral de UXT en Vigo, Arturo Parada, asegurou que o proxecto da universidade privada "leva fraguándose desde hai bastante tempo", e considerou que tras el existe unha "relación evidente con favores e contraprestacións entre Abanca e o Goberno galego".

Así mesmo, por parte de CCOO, Jorge Quintana remarcou que a plataforma está "totalmente en contra da universidade privada, cando non é precisa, vai crear as mesmas carreiras e non vai achegar nada novo

A futura lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada en Galiza impulsada por Afundación, seguirá a súa tramitación parlamentar tras superar o pasado 25 de maio o debate da totalidade, no que tanto BNG como PSdeG mostraron o seu rexeitamento á iniciativa por considerar que "duplica" a oferta das universidades públicas.