Estas son as mobilizacións convocadas para o vindeiro 8 de marzo

Manifestación do 8 de marzo de 2021, en Compostela (Foto: Arxina).
A plataforma Galegas 8M chama a mobilizarse baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa!".

A plataforma feminista Galegas 8M convoca para a vindeira terza feira, con motivo da celebración do Día da Muller, senllas mobilizacións feministas en diferentes puntos do país, que se poden consultar no seguinte mapa.

O lema da convocatoria deste ano é "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa!", e a campaña céntrase na reivindicación dos dereitos que moitas mulleres aínda non teñen garantido.

"As mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! Que a vida sexa vivíbel [sic] para todes, sostida por todes e asumida polo conxunto da sociedade", reza o manifesto de Galegas 8M.

Neste senso, o colectivo di "basta" aos "remendos e tutelas institucionais" que falan no seu nome ou as usan "como floreiro das políticas sen solucionaren nada".

"Exiximos máis unha vez que as políticas públicas deben ser deseñadas polos feminismos e financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento", salientan.

Aliás, cuestionan o sistema educativo, "que reproduce as lóxicas patriarcais de poder e as súas violencias", ao tempo que demandan "unha educación pública de calidade e non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades".

Tamén poñen o foco este ano na fenda salarial, a precariedade laboral, o teito de cristal ou a feminización da pobreza: "Mobilizarémonos até que se erradiquen", din.

"Exiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias", engade a plataforma feminista.