Carmen P.G. Granxeiro: "O rural tamén é un lugar para o respecto e para a liberdade, un espazo no que poder ser"

Comprometida coa defensa dos dereitos da comunidade LGTBIQA+ e co transfeminismo, Carmen PG Granxeiro recibiu o II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero. Estranxeiras é primeira obra da artista e será publicada ao longo do 2022 pola Editorial Xerais.
Carmen PG Granxeiro 2-min (1)
photo_camera 'Persoas S.A.' ou 'Un día normal' son algúns dos documentais de Carmen P.G. Granxeiro. (Foto: Nós Diario)

Por que decidiu mergullarse no mundo literario?

Eu escribo moito, pero sempre para min ou para despois levar a cabo algo audiovisual. Ás veces comparto textos na rede, pero poñerme a escribir pensando nunha posible publicación ou en presentarme a un premio era a primeira vez. Eu traballo máis a miúdo no audiovisual, sobre todo co documental, porque me permite traballar como eu quero e podo. Dalgunha maneira, a escrita é unha vía de escape para a ficción. Permíteme imaxinar ficcións e levalas a cabo de novo como quero e permíteme facelas, en si mesmo. Para acadar esa satisfacción que me produce a ficción emprego habitualmente a escrita.

Tamén escribir para min é algo que, a verdade, non sabería definir con verbas, curiosamente. Axúdame a ter a miña vida organizada, a entenderme.... É unha mestura desas dúas cousas, do gusto pola escrita e o feito de engadirlle a ficción.

Como nace Estranxeiras? 

En concreto, xurdiu a partires dunhas personaxes, sobre todo dunha que tiña en mente. A partir de aí, desenvolveuse a historia. Agora a posteriori, si que vexo que hai moito das cousas máis recentes na miña vida. Fixen un documental hai un ou dous anos no que se falaba do colectivo LGTBIQA+, facendo fincapé en xeral na historia e no colectivo máis aló das fronteiras, pero tamén na realidade rural da Galiza. Creo que iso tamén está moi presente en Estranxeiras e ten que ver coas miñas vivencias persoais, xa que pertenzo ao colectivo, vivo no rural... Ao final, a ficción, en todos os campos, nútrese das nosas vivencias, para min sen dúbida. Vén un pouco de toda esta mestura de situacións e de realidades.

Que relevancia ten o tratamento destas temáticas no rural?

En realidade, este é un tema que trato moito nese documental, Persoas S.A. Nel, constrúese a narración a través de moitas persoas que aportan as súas visións e vivencias. Ademais, tamén fun descubrindo que coincidían coa miña propia. Trata ese prexuízo que tiñamos a veces eu mesma e moita xente, que realmente xa non era un prexuízo, senón unha realidade que existía tamén, posto que nos espazos pequenos sempre custa máis desenvolverte como ti es máis aló das “normalidades”.

Realmente, vas descubrindo que o rural é tamén é un espazo de respecto ou pode selo, un lugar para a liberdade no que podemos ser, igual que nas cidades. Da mesma forma que nos eidos urbanos hai agresións LGTBIfóbicas, tamén se poden dar no rural. Ao final non hai tanta diferenza, somos seres sociais que viven en diferentes realidades que teñen semellanzas.

Non se afastan tanto, vanse achegando tamén. Todo evoluciona, igual que pasou cos espazos urbanos, os rurais tamén foron evolucionando. Eu, como muller lesbiana, podo dicir que me sinto igual de libre nun espazo que noutro.

Na obra, tamén fai uso dunha linguaxe inclusiva.

Si. Hai outras formas de pronomes neutros diferentes á que eu empreguei, no galego e noutros idiomas, é un diálogo que se está a producir. As linguas con base latina contan cun binarismo moi presente. Todo evoluciona, pero a cuestión do artigo neutro para min é unha cuestión social, humana. As linguas son vértebras das nosas vidas e culturas. Certamente, cando hai realidades que non se poden nomear, existen, pero dunha forma máis precaria. Esas realidades que nos rodean teñen que ser nomeadas e é un momento importante para as nosas linguas, de evolución e de construción conxunta no que todas podemos aportar e no que está moi ben probar cousas novas. Sobre todo, é relevante escoitar ás persoas que, neste caso, se identifican como non binarias e que a partir de aí se produza un diálogo e unha evolución. Non é nada imposto. Trátase dunha cuestión natural, de ir ampliando as nosas linguas e as nosas posibilidades como sociedade.

Comentarios