Mobilizacións en sete cidades galegas denuncian desafiuzamentos e sinalan responsábeis

Compostela
Centos de persoas secundaron a convocatoria da plataforma Stop Desafiuzamentos que chamaba a se mobilizar en sete cidades do país para denunciar esta lacra e sinalar responsábeis. "Xente sen casa, casas sen xente", unha das palabras de orde das manifestacións e que resumía o paradóxico dunha crise que bate con dureza en milleiros de familias

 

As mobilizacións que esta sexta percorreron sete cidades de Galiza non foron simples protestas para protestar polos desafiuzamentos. Foron mobilizacións nas que os e as asistentes (en Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ribeira) tamén quixeron sinalar os responsábeis deste drama que afecta a milleiros de familias: banca e gobernantes.

Centos de persoas secundaron a chamada de Stop Desafiuzamentos, apoiada por diversas organizacións sindicais e políticas, e que se desenvolveron por todo o país. Denunciábase que unha banca salvada con miles de millóns de cartos "de todos" siga a ser quen de, e máis nun contexto de crise, poñer na rúa a persoas e familias enteiras, botándoos das súas casas."A banca engana e bótache da casa", "xente sen casa, casas sen xente", "solución, banqueiros a prisión" foron algunhas das palabras de orde coreadas nas mobilizacións.

Segundo datos do Consejo General del Poder Judicial, até o mes de setembro as execucións hipotecarias incrementáranse na Galiza nun 23%

Durante as marchas, foron frecuentes as paradas  diante de sucursais para denunciar a súa responsabilidade directa nos desafiuzamentos. "Aí está a cova de Ali Babá".

Denuncia

Segundo datos do Consejo General del Poder Judicial, até o mes de setembro as execucións hipotecarias incrementáranse na Galiza nun 23%. No segundo trimestre de 2012 houbo na Galiza 531 desafiuzamentos, e no seguinte trimestre, 308. Unha constante pingueira que día tras día, lembran desde a plataforma, se plasma en dramas persoais e sociais.