As mobilizacións que esta sexta percorreron sete cidades de Galiza non foron simples protestas para protestar polos desafiuzamentos. Foron mobilizacións nas que os e as asistentes (en Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ribeira) tamén quixeron sinalar os responsábeis deste drama que afecta a milleiros de familias: banca e gobernantes.
Centos de persoas secundaron a chamada de Stop Desafiuzamentos, apoiada por diversas organizacións sindicais e políticas, e que se desenvolveron por todo o país. Denunciábase que unha banca salvada con miles de millóns de cartos "de todos" siga a ser quen de, e máis nun contexto de crise, poñer na rúa a persoas e familias enteiras, botándoos das súas casas."A banca engana e bótache da casa", "xente sen casa, casas sen xente", "solución, banqueiros a prisión" foron algunhas das palabras de orde coreadas nas mobilizacións.
Segundo datos do Consejo General del Poder Judicial, até o mes de setembro as execucións hipotecarias incrementáranse na Galiza nun 23%
Durante as marchas, foron frecuentes as paradas diante de sucursais para denunciar a súa responsabilidade directa nos desafiuzamentos. "Aí está a cova de Ali Babá".
Denuncia
Segundo datos do Consejo General del Poder Judicial, até o mes de setembro as execucións hipotecarias incrementáranse na Galiza nun 23%. No segundo trimestre de 2012 houbo na Galiza 531 desafiuzamentos, e no seguinte trimestre, 308. Unha constante pingueira que día tras día, lembran desde a plataforma, se plasma en dramas persoais e sociais.