Mobilizacións comarcais na Galiza no Día Mundial das Montañas fronte á “especulación eólica”

(Foto: Arxina)
A coordinadora 'Eólica Así non' reivindica o papel da veciñanza e dos colectivos sociais fronte a unha política renovábel de "gobernos e especuladores".

Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, convoca novas mobilizacións de carácter provincial e comarcal, que terán lugar os días 9 e 10 de decembro.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira estiveron presentes Rocío García Valladares, de Alarma Terra de Montes; Patricia Gamallo, de Amil sen Eólicos; Paulo Carril, CIG; Belén Rodríguez, ADEGA; Xoán Andrade, da Rede do Rural, Susana Méndez, da CIG.  De esquerda a dereita (Fila arriba): Xosé Iglesias, de Vento Libre do Val do Dubra; Cándido Iglesias, de Fonte Seca da Baña; David López Fernández, da Plataforma Alto Miño Eólica Así Non e Salvador Ronda, de A Montaña Plántase.

Os actos reivindicativos terán lugar en forma de concentracións, marchas e andainas, nas seguintes localizacións: Amil (Moraña), na comarca de Caldas; en Vilar de Barrio, na comarca da Limia; Campo de Carlexo (Val do Dubra), comarca de Compostela e Ortigueira, comarca de Ortegal; en Lugo e A Fonsagrada. Agás no caso da Fonsagrada, todas as demais mobilizacións realizaranse na mañá do domingo, día 10 de decembro.

O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores, co propósito de “enxalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos”.

Esta é a terceira edición na que a Coordinadora Eólica Así Non aproveita o Día Mundial das Montañas para apelar ás Administracións públicas a defender os valores e recursos naturais comúns dos montes galegos fronte “á depredación eólica”.

A plataforma critica que os gobernos  da Xunta e do Estado “veñen demostrando un manifesto abandono da súa función pública como valedores do interese xeral no proceso de transición ecolóxica, para porse ao servizo do lobby enerxético”.

Aos decretos do Estado español, “que eliminan a avaliación ambiental da tramitación das autorizacións de renovábeis”, súmanse agora as novas iniciativas lexislativas de excepción da Xunta de Galiz, “que declaran a prevaleza dos proxectos eólicos sobre calquera outra actividade no territorio, e que destinan inxentes recursos públicos a sociedades público-privadas explotadoras de recursos naturais, nas que a Xunta está en minoría”.

Estas recentes disposicións normativas “de carácter extraordinario e antidemocrático” constatan para a plataforma a verdadeira intención “de quen nos goberna: entregar o noso país ao capital privado e favorecer os seus intereses especulativos”.

Ao tempo, conclúen, tanto Xunta como Estado seguen a demorar “sine die” a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a protección de zonas húmidas, ademais de insistir, baixo "o manido pretexto da simplificación administrativa", no recorte da capacidade de intervención das organizacións sociais e das comunidades afectadas nos procedementos administrativos de planificación e autorización dos proxectos.

"O tempo e os feitos veñen unha vez máis a darnos a razón, demostrando que son eles, os gobernos e especuladores, os que crean inseguridade xurídica, e somos nós, os galegos e galegas, as que estamos defendendo a nosa terra para termos un futuro"