Caaveiro reúne unha mobilización nacional contra os eólicos na Galiza

Lectura do manifesto no mosteiro de Caaveiro (Colectivo Terra).
Máis de vinte colectivos e asociacións de todo o país realizaron este domingo varias andainas simultáneas que finalizaron no mosteiro de Caaveiro coa intención de protestar pola proliferación de parques eólicos. Ao remate da mobilización reuníronse para artellar novas accións nas vindeiras semanas.

Plataformas e entidades veciñais realizaron este domingo varias andainas en protesta contra os proxectos de grandes parques eólicos que se espallan por toda Galiza. As mobilizacións iniciáronse a mañá do domingo partindo de Cabnas, A Capela, Pontedeume e Monfero para rematar no mosteiro de Caaveiro onde as e os asistentes deron lectura a un manifesto.

No documento, titulado ‘Por unha transición enerxética xusta e sustentábel’ asegúrase que “Nunca antes foi tan evidente que o capitalismo se converteu nunha ameaza real para toda a humanidade” pola “prevalencia dos intereses privados dunha minoría por riba do beneficio da maioría da sociedade”.

Sinalan no manifesto que “o Mosteiro de Caaveiro, corazón da Fragas do río Eume, é exemplo perfecto das moitas potencias de Galiza, entre elas, a capacidade natural para producir enerxía” malia que “desde hai décadas son os nosos montes os que se enchen de muíños, os nosos vales os que se asolagan cos encoros e o noso aire o que se contaminou co fume e a choiva ácida das térmicas” cando “unha grande parte de toda esta produción eléctrica envíase fóra”.

En relación aos proxectos eólicos sinala o documento que serven “para presentar proxectos vén pola intención das empresas de captar axudas dos fondos europeos Next Generation, nunha sorte de espolio dobre: ímoslles financiar o xeito de roubarnos”.

Pola contra, apuntan que “nos poucos casos onde se conseguiu que parte dos beneficios reverteran na poboación, como o caso de Muras, estes representaron migallas en comparación co total dos beneficios privados obtidos”.

Dos diferentes tipos de parques eólicos que hai en proxecto cren que “os de terra van afectar ás explotacións agrogandeiras e no mar van afectar á pesca e á navegación”.

Para defenderse sinalan que “da mesma maneira que a veciñanza non pode edificar fóra das normas dun Plan de Ordenación Municipal, as empresas non poden situar parques fóra das zonas sinaladas nin poden mudar o uso prioritario do territorio”.

Alternativas

As organizacións convocantes apuntan no manifesto que “hai alternativas” á necesidade de crear enerxía. “Chama a atención a repentina febre pola eólica, pero é moito máis curioso que o país con máis horas de sol de Europa, sexa tamén o que ten menos instalacións de enerxía solar”.

Por este motivo urxen “a repotenciación. Xa hai parques eólicos ao limite da súa vida útil. Non é preciso estragar máis territorio cando podemos cambiar as instalacións obsoletas por outras máis eficientes e rendibles”.

Creación dunha empresa pública

O manifesto remata pedindo “a paralización inmediata de todos os proxectos de parques eólicos en tramitación” e “a intervención inmediata e a posta baixo control estatal do mercado e das empresas enerxéticas”.

Ademais exixen “a creación inmediata dunha empresa pública así como a planificación da estratexia enerxética do estado, por medio dun Plan Estratéxico a nivel estatal e autonómico que planifique a produción, o transporte e o consumo de enerxía eléctrica” así como “a elaboración de novas lexislacións sobre enerxía, que eliminen a actual, por obsoleta e antisocial”.

Unha vez rematada a lectura, representantes dos distintos colectivos e entidades mantiveron unha reunión de coordinación para estabelecer as bases para traballar de forma conxunta. Ademais, preparan unha marcha a Madrid para o vindeiro 16 de outubro xunto co resto de plataformas e asociacións de afectadas e afectados polos eólicos de todo o Estado español.