Mobilización no IES As Fontiñas por ter que comer na rúa baixo a chuvia

Algunhas estudantes nas inmediacións do centro. (Foto: Cedida)
O alumnado deste centro, que tamén imparte ciclos de Formación Profesional, ten prohibido xantar no interior da infraestrutura. Tampouco poden permanecer dentro entre as clases da tarde e as da mañá a pesar do inverno e da súa imposibilidade de trasladarse á casa por ser de municipios afastados de Compostela. Exixen á Xunta que aporte algunha medida para evitar que se vexan á intemperie varias horas.

Un grupo de alumnas e alumnos do IES As Fontiñas, de Compostela, concentráronse nas inmediacións do centro para protestar pola situación á que as ten sometidas a Consellaría de Educación debido ás normas estabelecidas pola Covid-19. As e os estudantes denuncian que están obrigadas a xantar na rúa e a pasar o tempo entre as clases da mañá e da tarde en idéntica situación sen que a dirección do centro poida facer nada.

Zuri Veiga exerce de voceira do alumnado para explicar que desde hai algúns días non lles deixan "comer dentro da cafetería nin dentro do instituto" malia que teñen clases pola mañá e pola tarde e moitas persoas non teñen a posibilidade de ir xantar á casa.

Baixo o lema "Comer á choiva non, queremos solucións", arredor de 40 persoas -aínda que están afectadas polo menos o dobre- saíron esta tarde á rúa, pero neste caso non para pasar o tempo entre materia e materia senón para demandar algunha medida "á Xunta ou á Consellaría de Educación".

"Se non podemos comer no centro que estabelezan clases en liña ou semipresenciais para quen poida vir polas tardes", destaca Veiga, que lembra que na infraestrutura tamén hai diversos ciclos de Formación Profesional que teñen estudantes chegados de localidades como, por exemplo, "Boiro ou Rianxo". "A maioría somos de fóra", destaca.

E tanto a xente da FP como a do bacharelato ten clase os luns ou martes pola tarde e, dado que non podían ir até a casa e volver, xantaban no centro co que levaban ou mercando na cantina. Mais agora teñen que estar fóra entre unha e dúas horas, segundo o curso, "á choiva".

Se antes xa non permitían ficar dentro agardando a que tocara o timbre, "comendo menos porque estamos sen máscara". Ademais, coas medidas da Xunta que entraron en vigor a semana pasada "non nos habilitan ningunha zona para estar". Por iso, as e os estudantes desprazados piden que as clases decorran en liña para poder marchar á casa e non estar baixo a chuvia ou pasando frío.

"Moitas profesoras apoian a nosa idea, outros non porque FP non ten dereito a clases en liña porque necesitan materiais concretos, pero mesmo a dirección non entende aínda que non pode facer nada", engade Veiga. Precisamente por iso están pensando en convocar unha nova protesta diante da Xunta ou enviar un "escrito" para exixir unha solución que poña fin a esta sorte de expulsión do seu centro de ensino.