Mobilización cidadá contra os eólicos en Castrove, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño e As Neves

Varios aeroxeradores nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Quer a plataforma veciñal Non ao parque Castrove, quer a Federación Ecoloxista Galega veñen de presentar numerosas alegacións para intentar acabar cos proxectos para instalar grandes parques de aeroxeradores en varias zonas do país.

O rexeitamento das e dos galegos ao que xa deron en chamar “espolio eólico” non decae e as mobilizacións continúan a proliferar por toda a xeografía do país.

A plataforma veciñal Non ao parque Castrove acudiu ao edificio administrativo da Xunta en Pontevedra para entregar máis de 500 alegacións á iniciativa prevista para o monte Castrove.

“A resposta dos veciños está a ser enorme, a xente está demostrando que sabe unirse e organizarse cando hai un problema que nos afecta a todos. Non queremos non poder durmir co ruído, non queremos quedar sen auga, non queremos perder a nosa paisaxe...”, destaca Lúa Gándara, unha das voceiras do colectivo.

Desde o punto de vista da veciñanza hai que ser fortes e “ter moito aguante para loitar contra as grandes empresas favorecidas polas leis que lles permiten facer isto, leis que están obsoletas, porque antes os aeroxeneradores medían 70 metros de alto, pero agora miden 200”.

Xa non só miran para a altura, senón que destacan que -case como sucede en toda Galiza- ninguén lles advertiu das iniciativas eólicas que estaban ameazando o entorno, neste caso baixo a firma Cadaval e Ventoso S.L.

“A nós ninguén nos pregunta e nos di nada, aproveitaron a pandemia para sacar proxectos eólicos por todo o rural e beneficiarse das subvencións Next Generation. Nos estamos a favor das enerxías renovables, pero non da especulación capitalista. Xa producimos enerxía dabondo e somos os que máis cara pagamos a luz, é indignante”, incide.

Outros polígonos

A Federación Ecoloxista Galega tamén está a traballar arreo nesta contestación social sen referentes previos. Así hoxe comunicou que achegou as súas consideracións sobre os plans de Green Capital para Cerdedo-Cotobade e outro polígono de muíños que se quere instalar no Coto dos Lobos, entre os municipios de As Neves e Salvaterra do Miño.

Desta forma, incluíndo informes especializados, queren “dar resposta á avalancha de proxectos que pretenden inzar de muíños os nosos montes de xeito indiscriminado”.

“As présas pola captación de fondos están tras graves deficiencias” dos documentos de impacto ambiental, “que inician a tramitación dos proxectos que, non so carrexan un elevado impacto sobre o medio natural e o social en si mesmos”.

Estes estudos ambientais, reflexionan, “foxen de analizar que os procesos de degradación reais que provoca un Parque Eólico e tampouco teñen en conta que esta degradación resultara sinérxica coa que provoquen parques próximos”.