Moaña volve mobilizarse contra os recortes na sanidade pública

Mobilización decorrida este domingo en Moaña (Foto: Nós Diario).
Un domingo máis, a veciñanza toma as rúas para exixir o retorno ao municipio do servizo de urxencias, derivado a Cangas "de momento e por desgraza", e reforzos no cadro de persoal da Atención Primaria.

A veciñanza de Moaña volveu tomar as rúas este domingo para urxir o retorno ao municipio do servizo de urxencias, derivado actualmente a Cangas, e a contratación de persoal sanitario para ofrecer unha Atención Primaria "digna".

Non é a primeira vez que a cidadanía moañesa se mobiliza; xa o fixera os dous domingos anteriores. E o pasado 12 de decembro centos de persoas percorreron a localidade nunha multitudinaria manifestación contra os recortes.

Naquela data a propia alcaldesa, Leticia Santos, asegurou que non ía consentir que se lle dixese ao seu goberno que non hai médicos suficientes "cando de 70 médicos que remataron os estudos só 30 ficaron no Servizo Galego de Saúde (Sergas)".

Pola súa parte, Concha Trigo, portavoz da plataforma en defensa da sanidade pública de Moaña, criticou que o centro de saúde conte con "só un médico pola tarde e un pediatra pola mañá".

"De momento e por desgraza", as urxencias, a Cangas

Cómpre lembrar que o 22 de decembro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou en sede parlamentaria que as urxencias de Moaña, "de momento e por desgraza", seguirán a derivarse a Cangas.

Díxoo en resposta á intervención do deputado do BNG Paulo Ríos, que vencellou esta situación ao "proceso de desmantelamento do público" e acusou o Goberno galego de "enfrontar veciños con profesionais", o que, salientou, "levou os facultativos a solicitaren un garda xurado debido á tensión".

"Deixe as escusas de mal pagador, poña os médicos que fan falta e recuperemos as urxencias na nosa vila", subliñou o parlamentario nacionalista.

Porén, o responsábel de Sanidade replicou: "O problema é que non os hai, esa é a realidade que vostedes non queren afrontar. Estamos traballando co ministerio buscando máis profesionais".