Miñóns pide "non especular" coa caída da ponte da A-6 mentres a construtora garda silencio

Treito afundido da ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O delegado do Goberno estatal di que a súa máxima preocupación é recuperar a conectividade coa meseta.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, pediu esta quinta feira "non especular" sobre as causas que provocaron o colapso dun treito da A-6 —no viaduto do Castro— na pasada terza feira.

Miñóns apuntou que "é importante non entrar en especulacións" e deixar que continúe a investigación, xa en marcha. Alén de saber cales foron os factores que desencadearon o sinistro, o delegado recoñeceu que a súa máxima preocupación é "a conectividade coa meseta".

Por este motivo, sinalou que o obxectivo principal é "abrir cando antes" o viario de dobre sentido "con seguridade" pero, mentres tanto, "reforzarase o servizo a través da estrada nacional". "Onte [pola cuarta feira] tamén se falou co alcalde de Pedrafita para reforzar a seguridade no interior do municipio", comentou.

Miñóns defendeu as actuacións levadas a cabo na vía, remarcando que "grazas aos traballos de inspección detectouse a problemática".

"Se non se chega a facer ese labor de mantemento, de investigación, non se detectaría esa problemática existente no sistema de cabos e, polo tanto, esoutro problema que estaba máis oculto. Debemos estar contentos de que sucedese cando sucedeu e de que non se perdesen vidas", matizou.

Silencio da construtora

A construtora madrileña Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) negouse a declarar sobre o sucedido. Preguntada por Nós Diario sobre as causas da caída do viaduto da A-6, respondeu: "Non facemos ningún tipo de declaración".

Na mesma dirección, o Ministerio de Infraestruturas declinou contestar a este xornal sobre se "se puxera en contacto coa empresa construtora da ponte de Pedrafita do Cebreiro".