Silencio da construtora

O problema "oculto" da ponte caída en Pedrafita do Cebreiro

Treito afundido da ponte da A-6. (Foto: CRTVG)
As dúbidas sobre as causas da caída do viaduto da A-6 á altura de Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Ancares) aumentan a medida que pasan as horas. Mentres desde o Ministerio de Infraestruturas apuntan a un problema “oculto” como motivo do suceso, os responsábeis do Executivo do Estado néganse a confirmar o nome da construtora responsábel das obras.

O viaduto da A-6 en Pedrafita do Cebreiro foi recoñecido no momento da súa inauguración como unha grande obra de enxeñaría e exemplo destacado do liderado das empresas estatais en materia de obra civil. Aberto ao público co cambio de século nun acto presidido polo ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, e coa presenza do presidente galego, Manuel Fraga, a obra entrou en funcionamento con varios anos de atrasos.

O alcalde de Pedrafita: "Faltou vixilancia"

A maior parte dos tramos da A-6 de acceso á Galiza desde a meseta foron executados no seu momento polas grandes empresas da obra civil madrileña. Neste sentido, o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, sinala a Nós Diario que “este foi o último tramo da autovía” e denuncia que “faltou vixilancia”. “Se unha ponte cae con 20 anos imos aviados”, apunta Raposo quen destaca os problemas nas obras civís, cando acaban sendo “executadas pola subcontrata da subcontrata da subcontrata”.

"Altos niveis de corrosión"

O director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Ferreiro, desprazado na xornada de onte a Galiza, significou que “durante o pasado verán decretouse o feche do viaduto despois de que fosen detectados altos niveis de corrosión no sistema de cabos da infraestrutura” e asegurou que “o colapso puido deberse a un vicio na infraestrutura que non fora detectado até o momento ou que se desencadeou como consecuencia dos traballos”.

Na mesma dirección, avanzou que se revisarán todos os elementos da infraestrutura, incluída as cimentacións sobre as que se pousan todos os piares do viaduto.

FCC non se pronuncia

A construtora madrileña Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) negouse a facer “declaracións” sobre o sucedido”. Preguntada por Nós Diario sobre as causas da caída do viaduto da A-6 respondeu: “non facemos ningún tipo de declaración”. Na mesma dirección, o Ministerio de Infraestruturas declinou contestar a Nós Diario sobre se “se puxera en contacto coa empresa construtora da ponte de Pedrafita de Cebreiro”.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu ao Goberno do Estado "información e transparencia" sobre o derrube do tramo da A-6 e trasladou a súa "preocupación" por este incidente, xa que a referida estrada é a “principal vía de comunicación da Galiza coa meseta”.

O BNG adiantou a presentación de iniciativas nas Cámaras galega e estatal. A deputada Olalla Rodil confirmou unha interpelación no Parlamento da Galiza e o voceiro nacionalista no Congreso, Néstor Rego, pediu explicacións sobre “as razóns do feche do segundo viaduto” e solicitou unha “auditoría do estado de pontes e viadutos das vías estatais na Galiza”.