Miñóns exixe á Xunta que entregue os informes dos eólicos de Alcoa

O delegado do Goberno español, José Miñóns, nun acto en Lugo. (Foto: Europa Press)
O Ministerio avisara o Goberno galego dúas veces

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, trasladou a preocupación do Goberno estatal ante a falta de resposta da Xunta con respecto aos informes necesarios para tramitar os parques eólicos que darían enerxía a Alcoa, unhas instalacións "vitais para a industria galega" e para poder reactivar a produción de aluminio primario prevista para 2024

O 26 de xaneiro caducan os permisos de conexión

Miñóns instou a Xunta a "dar unha resposta inmediata" e lembrou que o próximo 26 de xaneiro caducan os permisos de conexión. Por este motivo, pediu "responsabilidade" ao Goberno galego, do que lamentou que trate de evadir as súas competencias "tras case dous anos de brazos cruzados".

"Xa estamos no tempo de desconto", apremou Miñóns, que lembrou que o Goberno español xa lle concedera dúas prórrogas á Xunta e, "a pesar diso, aínda non cumpriron coas súas obrigas".

Os informes enviados polo Goberno galego para estes parques non eran válidos e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) continúa á espera tras dúas reiteracións de solicitude -a última do pasado día 14 deste mes de decembro-.

"O Ministerio e o persoal técnico está moi comprometido con este tema, xa que somos moi conscientes da relevancia destes parques para a Galiza, pero pedimos seriedade para obter unha resolución favorábel cun traballo conxunto e lealdade institucional", afirmou Miñóns. "De nada serve promulgar declaracións de excepcionalidade se despois non se fai o traballo", concluíu.

O pasado mes de novembro, Miñóns xa reclamara á Xunta da Galiza unha maior axilidade na tramitación e instalación de parques eólicos na Galiza.