Miñones ve "posíbel" o delito de odio no crime de Samuel, mais insiste en que "terá que decidilo o xulgado"

Un dos arrestados é levado a declarar por un axente (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O delegado do Goberno estatal na Galiza incidiu este domingo en que a investigación "segue aberta". Polo de agora foron detidas seis persoas, tres delas en prisión provisional.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, sinalou este domingo que "é unha posibilidade" que tivese existido o delito de odio no crime de Samuel Luiz. Porén, insistiu en que "terá que ser o xulgado" quen o determine.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Miñones, preguntado sobre se a sociedade asumiu que se trata dun crime homófobo, recoñeceu que "as manifestacións que se foron convocando apuntan nesa liña".

Mais, de novo, fixo fincapé en que "a investigación aínda segue aberta".

Caso Samuel

Samuel Luiz foi asasinado o pasado 3 de xullo na Coruña, na avenida de Bos Aires, onde recibiu unha brutal malleira que acabou coa súa vida.

Por estes feitos, nestes intres hai seis investigados, dos cales tres —homes de entre 20 e 25 anos— foron enviados a prisión provisional, comunicada e sen fianza; dous —menores de idade— fican internados nun centro de menores, e unha muller —tamén de entre 20 e 25 anos— foi posta en liberdade condicionada a visitas ao xulgado.

Estas medidas foron decretadas polo xulgado de instrución número 1 o pasado 9 de xullo, e ratificadas na pasada sexta feira ao considerar que existía "risco de fuga e de destrución de probas". Ese mesmo día, un dos investigados, acusado tamén de roubar o teléfono móbil da vítima, declarouse "inocente" ao abandonar as dependencias xudiciais.

A Delegación do Goberno e a Policía Nacional insisten en que "a investigación segue aberta", unhas pescudas que suman xa 26 testemuños, alén de múltiples imaxes das cámaras da zona.

Aliás, desde o asasinato de Samuel, numerosas manifestacións en repulsa do crime e como condena da violencia LGBTfóbica tiveron lugar non só na Coruña, senón por toda Galiza e o Estado español.