O Ministerio lembra que os concertados "en ningún caso" poden impor cotas malia que xa o fan sete de cada dez centros na Galiza

O Goberno galego destina hoxe 306 millóns de euros a sufragar a escola concertada, 56 máis que cando o PP chegou a San Caetano. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O Goberno español apunta que é responsabilidade da Consellaría de Educación da Xunta "velar polo cumprimento" desta disposición legal que hoxe, segundo un recente estudo, vulneran 70% dos colexios concertados do país.

O Goberno estatal vén de lembrar que a nova Lei de Educación (Lomloe) estabelece que "en ningún caso" os centros privados concertados poderán percibir cantidades das familias por recibiren estas as ensinanzas de carácter gratuíto, nin imporlles a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións.

Así o manifestou recentemente o Ministerio de Educación, nunha resposta parlamentaria a unha pregunta do grupo de Unidas Podemos rexistrada no Congreso sobre se ten constancia de que, segundo un estudo, 90% dos colexios concertados do Estado español cobran unha cota base ás familias ao mes. O documento, presentado en outubro pola Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais do Alumnado (Ceapa) e mais a Asociación de Colexios Privados e Independentes (Cicae), asegura que esas cotas van desde os 191 euros en Catalunya até os 38 euros na Galiza e Aragón.

No caso concreto do noso país hai actualmente máis de 220 escolas con réxime de concerto ao abeiro da Consellaría de Educación. Con base no mesmo informe de Ceapa e Cicae, só 30% dos colexios concertados da Galiza informan de cotas con carácter voluntario, mentres 62% obrigan os pais e nais a abonalas e o 8% restante exclúe o estudante de determinadas actividades ou servizos se non paga, polo que constitúe tamén unha obriga neste caso.

Neste contexto, o Goberno español destacou que, conforme está fixado na lei, as administracións educativas "dotarán os centros dos recursos necesarios para facer efectiva a gratuidade dos ensinos gratuítos e estabelecerán medidas para que a situación socioeconómica do alumnado non supoña unha barreira para o acceso ás actividades complementarias e os servizos escolares". Así mesmo, a lexislación vixente dispón que as actividades complementarias que se consideren necesarias para o desenvolvemento do currículo "deberán programarse e realizarse de forma que non supoñan discriminación por motivos económicos".

O Ministerio de Educación e Formación Profesional, con base na distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, vixía a normativa que estas últimas aproban en desenvolvemento do estabelecido na lexislación básica, "sen posibilidade de intervir na xestión educativa directa, por non estabelecer o ordenamento xurídico unha relación xerárquica entre administracións".

Por iso, sinalou que corresponde á inspección educativa de cada comunidade —a Consellaría de Educación da Xunta, no caso galego— "velar polo cumprimento, nos centros educativos, das leis, regulamentos e demais disposicións que afecten o sistema educativo, así como supervisar o funcionamento dos centros educativos, a práctica docente e a función directiva". "Esgotada a vía administrativa, se procede, pódese recorrer á vía xurisdicional", precisa o Executivo.

No que respecta ao seu ámbito de competencia educativa, o Ministerio informou de que tanto na cidade autónoma de Ceuta como na de Melilla, con seis e tres centros concertados de titularidade privada, respectivamente, "non se impón con carácter forzoso o pagamento de ningunha cota para a atención educativa nos ensinos concertados, nin impoñen ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin estabelecer servizos obrigatorios, asociados aos ensinos, que requiran achega económica polas familias dos alumnos".