Sete de cada dez colexios concertados cobran cotas non voluntarias ás familias

O Goberno estatal avoga por replicar no ensino a baixa laboral por dismenorrea. (Foto: Europa Press)
En 58% dos casos denomínanse directamente "cotas", mentres 27% dos centros falan de "achegas" e 15% din que se orientan cara a "actividades complementarias".

A nova Lei de educación (Lomloe) prohíbe a cobranza de cotas ás familias con carácter obrigatorio —ou baixo a premisa de excluír o alumno ou alumna de certas actividades— nos centros privados concertados. Porén, a sétima edición do Estudo de Cotas e Prezos de Colexios Concertados, elaborado pola Asociación de Colexios Privados Independentes (Cicae) e a Confederación de Pais e Nais da Escola Pública (Ceapa) demostra que moitas escolas incumpren este apartado do texto lexislativo.

Así, no presente curso académico só 30% dos colexios concertados da Galiza informan de cotas voluntarias, mentres 62% obrigan os pais e nais a abonalas e o 8% restante exclúe o estudante de determinadas actividades ou servizos se non se paga.

Dentro destes importes solicitados ás familias, en 58% dos casos preséntanse directamente a modo de "cotas", mentres 27% dos centros optan por denominalos "achegas" e 15% din que se orientan cara a "actividades complementarias".

Nas escolas con concerto da Galiza, a cota media demandada ás familias é de 37,84 euros mensuais, con contías que oscilan desde os 10 euros até os 144, se ben no estudo recóllese que os centros As Acacias e Montecastelo —con vínculos co Opus Dei e que segregan o alumnado por sexo— desbotaron dar información, mais en anos anteriores informaron de cotas de 225 euros por mes. E precisamente esa "falta de transparencia" tamén se pon de manifesto neste informe, que cifra as facilidades para obter información en 53% no caso galego.

Após coñecer estes datos, a ministra de Educación, Pilar Alegría, instou esta quinta feira os gobernos territoriais a "actuar" nestes casos a través dos servizos de inspección, dado que a cobranza obrigatoria contravén o marco legal vixente.

"A lei é unha lei orgánica moi clara e recolle que todas as familias teñen dereito a unha educación gratuíta, e se isto non é así, as comunidades autónomas teñen que actuar", dixo, en declaracións aos medios.

Na Galiza hai actualmente 227 colexios con réxime de concerto coa Administración, dos cales a metade contan cun marco carácter relixioso e, dentro deste grupo, cinco manteñen vínculos estreitos co Opus Dei e segregan o alumnado por sexo.