O Ministerio di que o tren privado debe chegar ao norte

Raquel Sánchez no acto de inauguración de Iryo en Valencia (Foto: ober Solsona / Europa Press).
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, sinala o interese do Goberno español durante a inauguración da liña Madrid-Valencia. O BNG exixirá esta terza feira cunha concentración que 'Lugo quere tren'

A ministra española de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, asegurou esta segunda feira que, coa súa liberalización, a alta velocidade estatal "perdeu o seu carácter elitista", "hai mellor competencia" e "alcanzou a democratización que buscabamos", así como a "rendibilidade social" das infraestruturas.

Sánchez manifestouse así tras chegar a Valencia desde Madrid na viaxe inaugural en tren da operadora privada Iryo.

Sánchez explicou que, tras esta viaxe de proba, Iryo empezará a operar a liña Madrid, Zaragoza e Barcelona para despois conectar Valencia con Cuenca e entre marzo e abril  comunicar con Andalucía. A conexión coa Galiza deberá agardar, segundo a propia empresa, até despois de 2026.

A ministra emprazou esta segunda feira a "seguir celebrando como somos capaces de estender a alta velocidade" e remarcou que "a liberalización ten que chegar tamén ao norte de España".

Estas declaracións contrastan coas múltiples demandas de mellora da rede ferroviaria que se veñen realizando desde a Galiza. Este mesmo mes, o Parlamento galego acordaba por unanimidade e a través dunha iniciativa do BNG demandar ao Goberno do Estado  un tren de proximidade para Galiza en 2023.

Concentración en Lugo

O BNG de Lugo activou unha campaña para exixir mellores comunicacións ferroviarias baixo o lema “Lugo quere tren”. O pasado 28 de outubro  realizaron unha manifestación na cidade na que participaron varios centos de persoas. Na mobilización, encabezada polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, reclamáronse maiores investimentos para os servizos ferroviarios de Lugo.

Esta terza feira, o BNG volve convocar concentración en Lugo para ás 20.45 horas diante da Subdelegación do Goberno español na cidade dentro desta mesma campaña polo tren.