Opinión

Outro relato sobre a alta velocidade e o futuro do tren (e II)

Despois do Plan Galicia de 2003 continuaron os incumprimentos dos acordos. Así, o Congreso dos Deputados aprobaba en xuño de 2004, xa con Zapatero de presidente, a finalización da conexión coa Meseta en 2009 e en maio de 2005 que o tren de alta velocidade Ourense-Vigo por Cerdedo estaría acabado en 2009.

Unha cousa é a propaganda e outra a realidade. Antonio Fontenla, presidente da CEG, manifestaba: "Se para o ano 2006 só hai presupostados 397 millóns de euros, non é realista manter a previsión de 2010 para rematar estas obras" (La Voz de Galicia, 12-10-2005). E a Confederación de Empresarios de Galicia subliñaba: "Entre os anos 2005-2007 o Goberno presupostou 1.680 millóns de euros para o AVE de Galicia, pero só executou 540 millóns de euros" (El País, 22-7-2008).

Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de 2005 a 2009, sempre foi dos máis optimistas e declaraba o 15 de febreiro de 2007 que o AVE entraría na Galiza en 2012. "As obras do AVE van a velocidade de cruceiro" (La Región, 22-7-2008). "O investimento do Estado blinda o AVE para 2012" (La Opinión, 1-10-2008). Pero despois dunha reunión en 2007, Zapatero e Touriño sinalan 2012 como "nuevo horizonte temporal" para cumprir co Plan Galicia.

A farsa continúa e Xosé Blanco, como novo ministro de Fomento, e Feixoo, como presidente da Xunta, asinan o chamado Pacto do Obradoiro en 2009, que atrasaba até finais de 2015 a chegada a Galiza do TAV. Feijoo cualificaba ese pacto como "éxito", "acordo histórico", "o pacto está blindado". Carlos Aymerich, portavoz do BNG no Parlamento Galego, manifestaba: "Que expliquen este novo atraso Pepe Blanco e Alberto Núñez Feijoo porque nós temos asinado un acordo unánime do Parlamento galego para que a conexión coa Meseta sexa en 2012" (La Voz de Galicia, 18-4-2009). O ministro Blanco confesaba que todo era un engano e que sabían que os prazos non poderían cumprirse: "Yo voy a decirles la verdad a los gallegos y espero que usted me aplauda por decir la verdad. Hubo una huida hacia adelante en plazos que se sabía que no se podían cumplir aunque fueran las obras a toda velocidad" (La Voz de Galicia, 27-5-2009). As mentiras e promesas eran fundamentais na propaganda electoral e Blanco declaraba: "Para blindar el AVE solo hay que introducir la papeleta del PSOE" (La Opinión, 9-11-2011).

O presidente Rajoy continuou cos enganos e cando o PP gaña as eleccións anunciaba o 1 de setembro de 2012 no castelo de Soutomaior que o AVE estaría acabado en 2018. Abel Caballero tivo durante estes anos un protagonismo especial nesta farsa e en 2007, como candidato á alcaldía de Vigo, manifestaba que as obras do TAV entre Ourense e Vigo por Cerdedo se iniciarían en 2008 e que estarían acabadas en 2012.
É unha evidencia que PSOE e PP estiveron durante máis de dez anos enganando a cidadanía galega con convenios e promesas electorais en función de intereses electorais e partidistas.

Dicía a ministra de Fomento Raquel Sánchez que a chegada do TAV a Ourense "salda una deuda histórica con Galicia", pero aínda queda moita débeda pendente: acabar co abandono ou desmantelamento do tren convencional; construción da liña Santiago-Lugo; mellora dos tramos Lugo-Orense e A Coruña-Lugo. A conexión Vigo-Porto; mellora do tramo do FEVE entre Ferrol e Ribadeo. Potenciamento do tren de proximidade, que non existiu para os sucesivos Goberno de España por unha decisión política, que nos priva de partidas nos orzamentos do Estado e das axudas dos Fondos Europeos para a mellora da liña A Coruña-Ferrol. Creación dun ente ferroviario galego, o Galtren, como teñen xa Euskadi e Cataluña, por exemplo, poñendo en práctica o que sinala o artigo 27.8 do noso Estatuto de Autonomía, que recoñece a competencia exclusiva de Galiza en "vías férreas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma". A constitución dun grupo parlamentario do BNG nas próximas eleccións xerais contribuirá, sen dúbida, a acadar estes obxectivos.

Comentarios