O Ministerio de Cultura estará "vixiante" ante a posíbel afectación de Altri ao Camiño de Santiago
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, visitou esta quinta feira Vigo para dar a coñecer o espazo no que se situará a futura Biblioteca do Estado. Preguntado por Nós Diario sobre os posíbeis efectos de Altri sobre o Camiño de Santiago, mostrouse tallante: "O Ministerio actuará".
"Estámolo a seguir moi de perto", afirmou esta quinta feira en Vigo o ministro español de Cultura, Ernest Urtasun, preguntado por Nós Diario en relación ao informe que o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) remitiu á Unesco unha análise das posíbeis afectacións que a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) poida ter sobre o tramo do Camiño de Santiago –declarado Patrimonio da Humanidade– comprendido entre esta localidade e Melide .
"A Xunta da Galiza coñece ben que requirimos información e estamos á espera de poder realizar unha xuntanza técnica" para que o Executivo galego traslade ao Ministerio "as informacións pertinentes en relación ás afectacións" que poida ter o proxecto de Altri no Camiño de Santiago", explicou Urtasun nunha rolda de prensa en Vigo na que presentou o espazo no que se situará a Biblioteca do Estado.
"Ante calquera afectación ao patrimonio cultural, o Ministerio de Cultura actuará", insistiu o ministro. Segundo fontes de Icomos Internacional consultadas por Nós Diario, encargouse un informe a varios expertos internacionais, que xa foi remitido á Unesco París a comezos do pasado mes de xuño. Aínda que o informe non é público, fontes consultadas por este xornal explicaron que as concusións de Icomos resultaron nun "informe negativo" no que se recomenda á Unesco valorar a posibilidade de incluír o Camiño na listaxe de patrimonio en perigo en caso de que Altri aterre na Ulloa.
Na elaboración deste informe, Icomos tería en conta as propias directrices marcadas pola Unesco na Convención do Patrimonio Mundial decorrida en Riad (Arabia Saudí) en setembro de 2023, que estabeleceu que "os Estados parte garantirán que se levan a cabo avaliacións de impacto ambiental, impacto patrimonial e/ou avaliacións ambientais estratéxicas como requisito previo para os proxectos e actividades de desenvolvemento cuxa implementación está prevista dentro ou arredor dun ben do Patrimonio Mundial".
No caso do Proxecto Gama de Altri-Greenalia, xa houbo un pronunciamento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza na concesión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel o pasado mes de marzo, sen que se pedira esa avaliación previa que estabelece a Unesco nas súas directrices.
Un informe "duro"
Agora, o informe de asesoramento desfavorábel de Icomos está en mans da Unesco París, que, segundo fontes consultadas por Nós Diario, podería liberar o seu informe definitivo sobre o impacto do proxecto de Altri no Camiño de Santiago a finais deste mes.
As mesmas fontes aseguran que non é probábel que a Unesco decida incluír todo o Camiño de Santiago na listaxe de patrimonio en perigo, xa que xuridicamente é unha entidade única e sería "prexudicar todo o Camiño por 60 km" da ruta francesa. En todo caso, expertos consultados por Nós Diario próximos a este proceso aseguran que previsibelmente o organismo internacional fará "un informe duro" sobre os impactos visuais, paisaxísticos e socioeconómicos que tería a macrocelulosa no territorio.