Icomos desmárcase do directivo que avala a cheminea "icónica" de Altri
Icomos, organismo asesor da Unesco, desmárcase do seu actual tesoureiro, Alonso Campanero, e do seu ex presidente, Jordi Tresserras, ambos os dous responsábeis dos dous encargos externos, contratados e pagos por Altri para ter un informe de Patrimonio Cultural favorábel ao proxecto. "Icomos descoñece tanto a natureza dos documentos aos que fan referencia as publicacións xornalísticas dos últimos días como os procedementos seguidos para a súa contratación", afirma nun comunicado este organismo.
"Aínda que é certo que as persoas [...] autoras dos informes [...] son actualmente membros da organización, e forman ou formaron parte de xuntas directivas, ditos traballos realizáronse a título persoal e privado, sen que a organización tivese participación algunha nin asuma responsabilidade na súa elaboración", aclara. E engade que vincular Icomos con estes informes "supón un grave prexuízo para a nosa organización, cuxa misión principal é a protección do patrimonio cultural".
Por outra parte, esta quinta feira decorreu ás portas do Congreso unha concentración para exixir ao Goberno estatal que non subvencione con fondos públicos a planta que Altri proxecta para Palas de Rei (A Ulloa)que reuniu centos de persoas.
Concentración
Convocado pola Plataforma Ulloa Viva, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, ao acto asistiron, entre outros, a vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo,Yolanda díaz, e a deputada do BNG no Senado, Carme da Silva. "Impedir que Altri acceda a fondos públicos é a vía máis efectiva para frear a instalación da macrocelulosa. Non é aceptábel que recursos que deberían servir para transformar a Galiza se destinen a unha iniciativa destrutiva e contraria ao interese común”, indicou Da Silva.
Yolanda Díaz, pola súa parte, dixo que é "absolutamente incoherente" que a Xunta estea "defendendo" proxectos como o de Altri que "non teñen nada que ver co que é a Galiza e que son rexeitados pola cidadanía.
